Opinión

Contra o carnaval de Madrid, viva o entroido de Xinzo!

“En las horas de escabio y amarguras/ me pregunto si fue cierto tu cariño/ y aunque busco en el embrage no hay ninguna/ que como vos me quiera como un niño...” 

(Les Luthiers, Pieza en forma de tango).


Hai unha caste de paxaros, dotados de plumaxe agrisada e pico longo, que polo feito de aniñar nas silveiras madrileñas xa se cren imbuídos polo omnipotente xarope, emanado do Manzanares, capaz de catapultalos contra a estatua da Cibeles para, decontado, autoproclamarse Elite Suprema Do Estado Español. Se saen vivos do moquete, claro. O paso seguinte consiste en pensar que a periferia sempre danza arredor deles, digan o que digan e fagan o que lle pasa por debaixo do arco de trunfo. Semellante macana, por desgraza, acontece a diario en tódolos ámbitos. Pasa na cultura, na gastronomía, no deporte... no sursum corda. E pasa, especialmente na política. 

Hai cousa dunha semana, un grupo de comediantes do partido de Pablo Casado, seguindo artes e mañas dos seus antepasados capitalinos, pensaron que podían converter o chotis madrileño en carnaval, convencidos de que, ao aparecer máis na televisión, mesmo serían quen de superar o entroido de Xinzo. Mal comezo, maldita ignorancia! So a eses afeccionados á quincalla se lle ocorre confundir o carnaval co entroido. 

Menos mal que lles queda o dos Peares! Aínda así, cómpre non terxiversarnos. A elegancia das pantallas, o estilo, a orixinalidade, a diversidade, a espontaneidade, a largueza do ciclo, a policromía, ... en fin, a excelencia do entroido por antonomasia -o entroido de Xinzo– nunca poderá ser emulado por uns xogadores de brisca, que se consideran capaces de matar o as de trunfo coa sota de bastos.

Estes voadores madrileños, faltóns e iconoclastas, transfigurados en personaxes esperpénticos, medran e enguedéllanse entre as páxinas de Luces de Bohemia de Valle-Inclán. Mentres, un actor secundario, apelidado Carromero, disfrazado de don Latino de Hispalis, emula ao torpe Alberto Casero e, por mandato de don Teodoro e don Almeida, organiza o velorio da revirada Isabel. Coitados!, non se decatan quen era o defunto da caixa, ata que 3000 pecadores inconfesos acoden, sen pudor, ao funeral de Pablo Max Estrella (o protagonista da obra de Valle-Inclán). Feijoo sabíao todo. Levaba no peto a partida de defunción do morto. 

(O meu tío Lisardo agarda impaciente por coñecer a resposta da pregunta que deixou no aire a presidente Madrileña o pasado xoves: que lle botarían a Casado na bebida?) 

Te puede interesar