Opinión

Cartas sen sello

“Tudo me pareceu oco e tive a impressão fria de que não há solução para problema algum”.(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Queridos Reis Magos:

O nacionalismo galego padece una grave doenza e o asunto non pinta nada ben porque, a día de hoxe, non só non hai trazos de que se vaia atopar o antídoto, senón que os menciñeiros que pretenden curar ao enfermo carecen da pericia e da vontade real necesarias para aliviarlle ese andazo perdurable. O caso é que algúns andamos coma cadelos rabiosos aos que lle acaban de empapar o rabo cun bidón de vencina. Non por non ulir o que se vía vir hai tempo, senón pola torpeza e desidia dos que debían facer o que tiñan que facer para que as cousas saísen doutra maneira.

Os que levan varios anos confundindo o BNG cunha leira da súa propiedade, distraídos, tratando de apagar as poucas belas que lle quedaban acesas, ata escurecer algo máis a escuridade, seguen soprando e botándolle a culpa a aires estraños. Seguen pensando que, traballando a terra co arado romano e estercando con estrume, poden acabar tendo unha colleita semellante aos que fan os labores con sistemas mecanizados e usando fertilizantes.

Os de CxG tiveron a lucida ocorrencia de alancar por riba da razón da súa propia existencia, para negar a política, mesmo renunciando a participar nas eleccións pasadas. Ata houbo dirixentes que tiveron a ousadía de contalo publicamente, convencidos de que, cando se adoitan actitudes absurdas, tamén se poden atopar argumentos. Vaia! É coma se a Conferencia Episcopal decidira non abrir as igrexas os domingos, argumentando que no Vaticano non se acaban de pór de acordo sobre a prédica dos oficiantes da misa, e lle dá liberdade de culto aos fregueses, mentres non resolvan a discrepancia.

E os de Anova estoupan de contentos, pensando que, porque lles tocou a lotaría, grazas a un décimo que lle regalaron uns de alén do Padornelo, poderán gozar do premio, sen cotizarlle ao fisco madrileño.

E nesas andamos. Os gurús do Bloque decidiron abrir una reflexión profunda para refundar o irrefundable, os de CxG andan á caza dos biosbardos e os das Mareas, agardando ordes, a ver que pasa. Mais o que acontece é que, a min dáme a impresión de que os galegos xa non teñen ansia de ningún BNG –refundado ou non- e, realmente, Beiras xa non lle interesa aos nacionalistas. De maneira que, ogallá me equivoque, mais se non hai quen o remedie, imos seguir tendo un problema de collón de mico, mentres non escampe e apareza algo de claridade no panorama.
Ah! Felices festas! Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar