Opinión

A CONTUMACIA DOS TROGLODITAS

'O que nós vemos das coisas são as coisas./


Porque veríamos nós uma coisa se houvesse outra?'


(O guardador de rebanhos, Alberto Caeiro


-heterónimo de F. Pessoa-). 




Oúltimo día do ano pasado entrou en vigor a denominada Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local (lei 27/2013). Abondou un mes para comprobar a irracionalidade e a insostibilidade dunha norma que nunca debeu ver a luz.


Antes da súa publicación no Boletín Oficial do Estado -cada vez máis gaitada- xa tiveramos ocasión de constatar a escenificación ideada polo partido gobernante, embobando aos seus propios alcaldes e aos dos principais partidos da oposición, conformes co papel de simples comparsas para facer posible que a cerellada merecese a consideración de show. A chambonada recibiu sobresaínte cum laudem do noso Presidente, comprometéndose a adaptar a lei á realidade galega, a sabendas de que, como di a canción: sei que non sabes, sei que non podes, sei que perdiches as habilidades.


Non está previsto -nin se lle espera- clarificación de competencias, nin racionalización da estrutura da Administración local, nin eficiencia e sostibilidade financeira, nin independencia da función interventora, nin rabos de gaitas. Ao contrario, xa comezamos a ulir como este paradigma da irracionalidade foi argallado para minguar a exigua autonomía municipal; para facilitar a privatización da xestión de servizos; para afianzar unha institución -a Deputación- impropia, superflua e absurda; e especialmente para afianzar a cobiza recentralizadora do Partido gobernante, con absoluto desprezo ás autonomías; e de paso, para reconverter os alcaldes naqueles firmóns dos tempos da negrura. Non é de recibo que un señor da capital do Estado se atribúa a competencia de interpretar a lei e modificar os soldos e as dedicacións dos representantes veciñais cando lle peta, mentres aqueles permanecen talmente impertérritos.


A lei de marras trae ao conto, unha vez máis, as arroutadas deste Ministro que tanto ten contribuído á anatomía do chiste. Neste senso, merece capítulo á parte o asunto do soldo dos alcaldes. Que o Goberno central se arrogue a competencia de establecelo xa é en si unha burla á autotomía municipal, mais que o defina por tramos de poboación resulta unha parvada difícil de igualar. Sería máis doado referenciar o gasto dos representantes políticos locais á capacidade financeira dos concellos e respectarlle ás corporacións a autonomía que teñen outras institucións. Se non fose polos zurcidos que en tan pouco tempo lle houbo que facer á lei no calcañar, atopariámonos co paradoxo no que un alcalde podía cobrar, con dedicación parcial, o dobre do que cobraba até agora coa exclusiva; con situacións nas que se permitiría cuadriplicar as actuais dedicacións exclusivas; e con máis de mil casos -digo, máis de mil- nos que un alcalde, con dedicación parcial, se quixera, podería papar a case totalidade do orzamento do seu concello. Vaia! Antes de que remate o prazo de garantía o chintófano estará cheo de remendos, sen que saibamos se vale para o que foi inventado.


Ah! O porfión do meu tío Lisardo anda tolo por saber se o señor Montoro vai someter a revisión os soldos de varios membros da Casa Real, e mesmo se ten pensado establecer para algún deles a figura da dedicación parcial, a fin de permitirlle atender outros mesteres sen forzar a lei de incompatibilidades. Pois iso.


Te puede interesar