Opinión

A CUADRONDA DE CANSECO

'A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados' .


(Groucho Marx).




Noticia de alcance que xa case se pode constatar no lugar de autos: Ourense contará cunha nova rotonda entre os pés das pontes Novísima e Milenio, no entronque do acceso centro coa rúa C. Canseco. O seu interior acabará sendo un dos parques máis emblemáticos de Ourense, con 3 cipreses, 1 fonte e un número capicúa (575) de plantiñas de duración indeterminada, distribuídas entre lirios, lavandas, romeos e azaleas. Todo polo módico prezo de cento oitenta mil euros. De momento!


Lisardo Quintas Ferreira -o meu tío Lisardo- licenciouse en Ocorrencia Patolóxica pola universidade de Algures. Tiña tanta ansia por facer algunha burrada das grandes que mesmo acabou a carreira en dous anos. Meteu dous cursos nun e axiña rematou o doutorado coa máxima cualificación de sobresaliente cum laudem, pola insólita tese titulada 'A cabra co vicio dá cos cornos no cu'. Nela analiza con excelente mestría, só propia daqueles individuos que, a base de espremer e espremer os miolos, son capaces de pór en solfa, e brindarlle de balde ao respectable público, ideas fabulosas con garantía de seren rendibles para a comunidade, sen necesidade de acudir a ningún plan de I+D, e sen precisar sequera de gastar un can do erario público, coa única pretensión de demostrarlle aos mandatarios europeos que, por moito rescate que nos endosen, nunca terán 'güevos' de matar o as de trunfo co dous de bastos.


Ao parecer, ese fabuloso documento -a tese doutoral do meu tío Lisardo- serviulle de fundamento escatolóxico á 'dual corporatión capitalina' para agraciar aos ourensáns con esa atinada iniciativa -unha rotonda no canto doutra rotonda- que vai mudar radicalmente a pinta, e posiblemente a climatoloxía, desta estraña cidade, carente de antollo para turistas indocumentados, ata convertela na primeira urbe mundial que atopou o antídoto contra a crise, de maneira que eses que lle poñen chatas á obra, cualificándoa de descomunal desbaldimento en tempos de apertarse os machos, logo caerán da burra e recoñecerán, máis cedo ca tarde, que semellante actuación emblemática será a pedra filosofal, o elixir do progreso, que fará de Ourense un lugar incomparable para visitar, haxa crise ou non.


Ah! O meu tío propón que recollamos sinaturas nos cruces das rúas e en calquera lugar de paso, e mesmo que escotemos o que faga falta -cada quen segundo as súas posibilidades- para construír unha 'cuadronda' no canto dunha redonda, e pór no lugar de marras unha lousa ben grande cos nomes de todos aqueles que grazas ao seu voto fixeron posible a cuadratura do círculo ao comezo da rúa Canseco. Os meus parabéns a quen corresponda!

Te puede interesar