Opinión

A esquina do mapa que podería ser nación (se quixeramos os nacionalistas)

“Ya los fieros enemigos se alejaron, / no resuena el ruido de sus botas, / nos pasaron por encima y nos ganaron, / nos dejaron en derrota. / Perdimos, perdimos, perdimos otra vez”.
(Ya el sol asomaba en el poniente, Les Luthiers)

Querido sobriño: Cando aí son as once da noite, acá, en Buenos Aires, aínda son as seis da tarde. Que lle imos facer, estas cousas pasan. A culpa é do fuso horario. O domingo pasado, a esa hora, ás seis da tarde, acendín o televisor e andaban a voltas coas eleccións españolas. Estaba na pantalla un tal Abascal. Revolvéuseme tanto o estómago que mesmo tiven ansia de vomitar. E vomitei. 
Ao regresar do váter deixei caer o corpo moído no sofá, mentres me imbuía unha tristura aceda, a medida que ía vendo como ficara a cousa. Mal, moi mal! Aínda así, pensei: “É culpa do outono. A caída da folla, as árbores espidas, derrúbanme a alma. Hai que aguantar un mes, cando afresquen os días, hame de pasar”. 

Ás veces, só ás veces, todo muda nun santiamén. A escape notei que se me erguía o ánimo. Foi xustiño despois de escoitar os líderes dos partidos nacionalistas galegos. Que fenómenos! Axiña puiden verificar como aquel rigor tan rigoroso, aquela capacidade de análise superaba en anos luz a dos outros catorce pailáns que non facían máis ca gabarse por conseguir representación nas Cortes. Os nosos son xente modesta: “O campo estaba embarrado, mais nós xogamos limpamente. O cero non se moveu do marcador, mais nós trunfamos. Antonte andabamos cara a atrás, mais agora só corremos cara a adiante e, dentro de un mes, campións. E se as cousas non pintan ben, non pasa nada. Avanzamos!” 

Cantabria ten un e ascende e provincia a rexión, Valencia tamén ten, Canarias ten dous, Euskadi tenos todos e Catalunya non para. Mais iso é insignificante. Os fenómenos somos nós. Como na medalla do amor: “Hoy más que ayer, pero menos que mañana”. Viva San Valentín, coño! 

Ah! Se os ves por aí, estimado sobriño, primeiro felicítaos da miña parte e despois dilles que, para matar o rato están moi ben os seus equipiños, mais para competir é moi recomendábel que, entre todos, armen unha selección. E, aínda así, veremos. Os outros tamén saben xogar.
Unha aperta grande. Lisardo Quintas Teixeira.  

Te puede interesar