Opinión

O que eu aprendín do 1-O, pero ti xa o sabías

Dixo que a pasividade, como a submisión, era a actitude que correspondía ós pobos en decadencia, ovellas indefensas agardando a chegada do lobo”. (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

Había ben tempo que non viamos tanta xente xunta reivindicando dereitos, individuais e colectivos, que agora vilipendian os que noutrora se fartaron de gabar neles. Os cataláns lembráronnos que hai dereitos inherentes aos pobos, que non só deben ser recoñecidos pola lei, senón que, cando unha maioría significativa o demanda, cómpre poder exercelos. A teimosía de moitos cidadáns de Catalunya –máis dos que se moveron na dirección contraria en todo o Estado– permitiunos gozar, como non acontecía dende hai tempo, desoutra cara da política, vernizada de ideas e de emocións, que só aflora cando hai masa crítica capaz de practicar a democracia con maiúscula. 

Talvez, por esa natural preguiza que nos aparva o ser, e tamén mercé á picardía dalgúns paxaros, obsesionados en tratar de convencernos de que somos doutra maneira, nos custou barro e fariña apalpar as evidencias. Aínda así puidemos constatar como todos acabaron remoendo onde solen pacer. Uns porque si, e outros a pesar dese perpetuo disimulo ao que nos teñen tan empostos.    

Nese contexto tan adverso para a cidadanía, do PP-C´s e de determinados medios de comunicación non agardabamos sorpresas plausíbeis. Son como son, porque o levan no sangue; e tamén porque, «ya está bien, joder!» Do PSOE e dalgúns predicadores si que mereciamos outra pose. Algúns –coitados de nós!–chegamos a pensar que Pedro Sánchez –o da nación de nacións e o do 155 non pero si– lle poría os puntos sobre os is a Mariano Rajoy, porque os dereitos dos pobos nunca se deben agochar na artesa das entelequias. Pero a xente de orde sempre acaba defendendo iso que denominan «interese xeral», que é o menos xeral dos intereses, e aquilo que lle chaman o «estado de dereito», que ben sendo o quid da teoloxía dogmática e autoritaria dos estados. 

Ah! Como di unha amiga miña, «a culpa non é do porco, senón de quen lle raña o lombo». Por iso, o meu tío Lisardo segue agardando o día no que mingüen os lambecricas dispostos a rañarlle as costas, ata que lle queza a entreperna, aos que controlan o vaivén da tixola, sempre tan desexosos de derreter o pouco frescor que hai no ambiente. Por certo, bailaremos algo os galegos nesta verbena? 

Te puede interesar