Opinión

FARTURAS QUE ABAFAN

Há uma cousa oculta em cada cousa que vês /


O que vês, vê-lo sempre para veres outra cousa. (Poemas Inconjuntos, Alberto Caeiro).




De cando en vez temos a ocasión de verificar como certos aprendices de funambulismo, a escape se poñen a camiñar polo arame e, máis cedo ca tarde, acaban por se esnafrar contra a crúa realidade, apañando a correspondente morrada no fuciño, ao non seren capaces de se decatar que a modestia e a sinceridade tamén son calidades das persoas normais. Pillabáns disfrazados de funámbulos, que madrugan para dar avío ao xeito de aparvar á xente do común, argallando mandas de trolas que comercian coma verdades irrefutables, arroupados por lambecricas e laretas que non se cansan de gabar neles, para convertelos en auténticos bailanacribas sen un migallo de formalidade.


Talvez haxa malpensados -é un dicir- que non teñen reparo en meter nesa casta a algúns mandatarios -galegos interinos- que, ao presentar os orzamentos da Xunta do ano que vén, ensaian a artimaña de meternos gato por lebre, fartándose de latricar sobre hipotéticas baixadas de impostos, agarrándose a un pírrico 0,5 por cento na cota galega do IRPF.


O que acontece con semellantes preas, máis montoristas ca Montoro, é que a miúdo se esquecen de que foi un dos seus quen subiu o IVE, para abafar tamén aos galegos que gañan menos de 17.500 euros, benefíciense ou non da insignificante 'propina' do 0,5 por cento.


Por certo, o vendedor da moto do 0,5, esqueceuse de explicar que os 3,6 céntimos que vai subir o gasóleo e os 2,4 que subirá a gasolina -o céntimo sanitario- encarecerán o transporte público e privado, e serán os galegos con menos recursos os máis prexudicados. Por mor desa suba, tamén custará máis o gasóleo da calefacción e, os que non poidan mercalo, terán que conformarse con fretar unha man contra a outra. As empresas, por pequenas que sexan, que precisen combustible para o seu funcionamento, tamén van ter que apandar coa suba de marras, e as peor paradas serán as galegas. E por suposto, os enfermos -crónicos, ou non- aparte dos pagos e copagos dos medicamentos, cando teñan que desprazarse, non se librarán da suba do insalubre céntimo sanitario. Tampouco se libraron da burrada que subiu o recibo da auga por causa do canon da Xunta, nin se salvarán da suba do recibo do lixo (un 34 por cento!) por decisión expresa do mesmo coreño da esmola do 0,5 por cento.


Ah! O meu tío Lisardo está abraiado pola teimosía de don Alberto en aumentar polas nubes os tributos indirectos, que gravan o consumo, no canto de facelo cos directos, que gravan a riqueza. Mesmo sospeita que o noso presidente anda cavilando seriamente na implantación da 'tarifa plana impositiva', para inchar aínda máis a cota dos pobres que aguantan a miseria, ata que todo estoure coma unha castaña. Hai que goderse con esta crise do nabo! E con estes gobernantes do nabizo, tamén!

Te puede interesar