Opinión

Flores nas gretas

“Depois de todos nós vem o dilúvio, mas é só depois de todos nós.”

(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).



Oo vindeiro luns, cando a luz da aurora nos desperte da nosa indómita indiferenza, e cando nos arrimemos ao peitoril da fiestra, para divisar a policromía da paisaxe política, todo nos parecerá normal. E todo será normal. Mais nada vai ser coma antes, malia a escaseza dos posibles cambios que furgan no noso frouxo pensamento.

Ao revés do acontecido en ocasións pretéritas, os que nos declaramos nacionalistas, non poderemos xustificar a nosa abulia política, laretando sobre como lle foi a feira aos contrarios. Nesta ocasión teremos que tirar conclusións cribles, a non ser que queiramos seguir camiñando cara ese nebuloso lugar chamado ningures. Talvez sexa necesario repasar o noso historial meteorolóxico, trazar as liñas isóbaras das torpeza cometidas, e diagnosticar acaidamente os nosos achaques, para evitar que se convertan en doenzas crónicas, ou en tristuras incurables. Teremos que asumir con naturalidade, que a mellor xeito de atacar o mildio que tolle as follas deste galeguismo político tan apático, será ir á raíz do problema, non perder o tempo rebuscando gromos autóctonos, posiblemente inexistentes, e irmos adaptando á Terra sementes transxénicas que viñeron para quedarse. Haberá que decruar de novo, iso si. E haberá que airear a terra e estercala con xeito, para que solte lastre e para normalizar a nova normalidade.

Nestes tempos que nos invaden, é aconsellable revisar a nosa eterna teimosía, sen deixármonos abafar pola actitude dos mexericas que gurran contra a ritmo natural da cousas, e contra as mudanzas imparables, coa inestimable axuda dos insolentes e porfións que, no fondo, só pensan en conservar o statu quo de empedernidos reaccionarios. Pase o que pase, despois do domingo que vén, nada vai ser igual, malia a nosa actitude e complicidade cos que sempre se empeñan en dicir o que hai que facer, aínda que eles só fan que fan, para acabar coma sempre, sen facer nada.

Aínda que só sexa por iso, porque caeremos da burra inexorablemente, e porque teremos que erguernos sen axuda, dende a cerna da crúa realidade, repetir as eleccións ás cortes do Estado xa fica plenamente xustificado, digan o que digan os roñóns que se empeñan en convencernos de que para semellante viaxe escusabamos alforxas tan grandes.

O meu tío Lisardo pensa que o nacionalismo vai ter que comezar de cero, ou de cero e uns cantos decimais; e iso só vai ser posible, se nos pomos a chantar flores nas gretas no canto de seguir fabricando longas noites de xeada, para agrandar máis as fendas do mapa do galeguismo político, cada vez máis fracturado e agonizante.

(O título non é meu, é do premio Princesa de Aturias das Letras, Richard Ford).

Te puede interesar