Opinión

Fusións, ficcións 
e fisións en Galicia

“Dizem que o tédio é uma doença de inertes, ou que ataca só os que nada têm que fazer.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).


Cando eramos rapaces, a miña nai fartábase de gurrar comigo cada domingo, por apelicarme ás sabas, no canto de ir á misa como facía o resto da veciñanza.

—Neno, porque non vas a misa? Ben non che fará, pero mal tampouco.

—Pois por iso mesmo, mamá. Mal non me fará, pero ben tampouco.

Algo así está a acontecer, mercé a esa política pillabana e de pantomima dos gobernantes que padecemos, empeñados en aparvarnos o intelecto, ata convencernos de que a panacea para resolver os problemas dos concellos galegos está na “fusión” de dous, sen que importe o contexto ou a tardanza, porque cando o amor é cego, a “fisión” do País é unha cativeza insignificante. Agora resulta que o sublime seica consista en celebrar un matrimonio de comenencia con bendición eclesiástica, cada catro anos, esquecéndonos de que vivimos tempos nos que prima o arrimo simple, sen fastos, nin cerimonias, nin rabos de gaitas.

Estes egrexios zamurgos tratan de convencernos de que un problema tan complexo, se pode resolver simplificando dúas décimas o mapa municipal galego, diminuíndo o número de concellos de 315 a 314, e clandestinamente de 314 a 313, para acabar tendo un máis dos 312 que tiñamos hai 40 anos. Niso consiste a cerellada, en facer que se fai e, coma o conto da misa, mercé ás fusións non hai máis concellos, pero menos tampouco.

Galicia, malia que lles pese aos porfións uniformadores, amais de ter lingua e cultura propias, tamén se diferencia do resto do Estado español en varias cousas máis. A súa configuración xeográfica é a súa economía produtiva son distintas. Tamén temos 3.778 parroquias e tantos núcleos de poboación -máis de 30.000- coma todo o resto do mapa español. Por iso, a prestación de servizos públicos á veciñanza galega é máis cara e moito máis complexa.

De maneira que, por moitos xestos mediáticos que se practiquen, de pouco valerá termos un concello máis ou un menos, se non dispomos de competencias, e vontade política, para dotarnos de unha estrutura político-administrativa propia, si, propia; máis simplificada por suposto, pero tamén máis áxil, máis participativa, e axeitada aos nosos elementos diferenciais, que sexa capaz de incidir de maneira positiva e determinante no noso desenvolvemento económico e na mellora do benestar da cidadanía galega.

Ah! O meu tío Lisardo anima aos representantes políticos galegos a que, no canto de tanta festa, se poñan de acordo para esixir unha distribución xusta da participación dos concellos nos recursos do Estado, que teña presente o asentamento da poboación e a taxa de envellecemento. Galicia recibe 210 euros/habitante, Madrid 350 e Catalunya 320.

(Nota: A idea deste artigo é un agasallo do amigo Afonso Ribas).

Te puede interesar