Opinión

Galicia, unha obra cos andamios enferruxados

“A política relixiosa de Canalejas, o mamón liberal, como el lle chamaba, púñao tódolos días nada máis erguerse da cama ao borde do pecado.” (Ilustrisima, Carlos Casares).

Os que posúen unha cartilla de servizos tinguida de borróns, por ter adoptado medidas nocivas para a veciñanza galega, e por debuxar xestos encamiñados a deixar constancia expresa do seu desleixo, deberían explicarnos as razóns desa insólita coxeira mental. Daquela, os políticos que carecen da mínima dose do sentido de pertenza, que deberían ter os que deciden solicitar a venia da xente para gobernar este País, como é o caso do tal Feijoo e daqueloutros que gozan coas súas desafinadas melodías, deberían deixar de gabarse dos avultados deméritos que adornan as solapas das súas chaquetas.

Cada un é como é. Mais estas mandas de paseriformes, que se distinguen pola súa plumaxe lambida de cor gris escura, e por aniñar no beirado dos tellados galegos, non teñen ningún reparo en piar coma os pardaos, para aparentar que son paxaros autóctonos. Son como son, e o que lles mola é estar á espreita do aire que sopra en Madrid, sempre dispostos a emprender o voo cara a capital da metrópole, se o ornitólogo de acolá acorda facer coincidir as terceiras eleccións xerais coa caída da folla.

Non deixa de ser preocupante que un presidente de Galicia, que leva oito anos no cargo, non só careza da ansia necesaria para dotar o seu país de novas competencias, senón que deambula pola Castellana, gabándose de ser cómplice necesario das artimañas do seu compadre moncloíta, empeñado en argallar artefactos pseudoxurídicos, para minguar e sobar o cativo grao de autogoberno conquistado, tratando de desposuílo desa mínima estrutura muscular que debe defender un goberno que se atreve a chamarse galego.

Mesmo podemos opinar, oito anos despois de chegar o tal a san Caetano, que a revirada actitude feijoniana -de deixar que o Goberno central mangonee descaradamente o que é noso- é unha das causas principais que nos condena a aturar esta situación de máis desigualdade social, de menos benestar e de escasa capacidade para enfiar e aproveitar acaidamente os nosos recursos, a fin de lograr un mellor, e posible, grao de desenvolvemento económico e benestar social. (Talvez non sexa casual que a riqueza media per cápita dos galegos caese 13 puntos, á respecto da europea, dende 2009, cando Feijoo chegou á Xunta de Galicia, pasando dun 93 % a un 80 %).

Ah! O meu tío Lisardo é dos que opina que, se deixamos que o tal siga coa súa teimosía de converter en quincalla as poucas ferramentas que nos quedan, e non desenferruxamos canto antes a estrutura competencial galega, corremos un grave risco de ter que gastar os mellores amenceres dos vindeiros anos en darlle mans de minio aos andamios do autogoberno conquistado, no canto de pornos a pintar de cores o futuro que se aveciña.

Te puede interesar