Opinión

De que hai que 
lamentarse?

“Qual de nós pode, voltando-se no caminho onde não há regresso, dizer que o seguiu como o devia ter seguido?”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).



Non, je ne regrette rien” (Non, non me arrepinto de nada). Pois si. Pretendendo emular á insuperable Édith Piaf, foi como finiquitaron o sermón sobre as eleccións do 20-D, os dous cóengos da decaída colexiata nacionalista. A cerellada foi como foi mais, ao parecer, antes non pasou ren. Os dous mellores especialistas do noroeste en teoloxía politiqueira, afeitos a botarlle a culpa aos marcianos, cando o nacionalismo galego se escurece; e en anotar nas súas follas de servizos os éxitos, cando agroman os caraveis, esquecéronse de explicarnos o que acontecera nas vésperas da campaña electoral. Vaia por Deus!

Esa simbiótica parella de dous –Paco e Beiras- campións do gargarexo ata a extenuación, levan toda unha vida acudindo puntualmente á ágora de Breogán, despois de cada votación, para desempoar o misal da análise –ou psicanálise- postelectoral, para domear o discurso ao seu antollo e trazarnos o camiño a seguir, pase o que pase. E así, respectando escrupulosamente a tradición, despois das pasadas eleccións, tamén cumpriron o procedemento, e alí estaban puntualmente co manual na man. O primeiro para identificar aos culpables da derrota, o segundo para atribuírse a paternidade da vitoria, e ámbolos dous para xiringarnos as festas do Nadal coas súas aburridas andrómenas. E así chegamos onde estamos, en boa medida, grazas ás diatribas desta curiosa dualidade divina.

E aí seguen os dous. Un recriminando aos nacionalistas que non votaron aos seus. O outro tratando de convencernos de que o nacionalismo está salvado grazas á súa inestimable teimosía no obxectivo rupturista e autodeterminista. E os dous, tan imprescindibles, sempre tan enfurruñados, e mal que lles pese, tan incoherentes e cagarolas á hora de concluír o argumentario. O primeiro, por non se atrever, co mesmo arrouto, a recriminar aos non nacionalistas que, elección tras elección, tamén votaron ao BNG. E o segundo, por ser tan modesto, á hora de repartir as cotas de gloria, polos excelentes resultados de En Marea, co lider de Podemos, don Pablo Manuel Iglesias Turrión.

Ah! Pois nada. De momento, as liñas mestras sobre o que hai que facer están marcadas por don Paco, don Xosé Manuel -e don Bautista!- e por unha ducia de clons naturais, idénticos na súa xenética. Por iso, o meu tío Lisardo coida que, para o nacionalismo/galeguismo, o corolario deste longo e agreste percorrido tamén se pode atopar na canción de Édith Piaf: “Balaye les amours avec leurs tremolos / Balaye pour toujours / Je reparas a zero” (Varridos os amores e todos os seus tremores / Varridos para sempre / Volvo empezar de cero). Hai que goderse con estes dous –ou tres- pándegos do nabo!

Te puede interesar