Opinión

O HOME DA MAQUÍA

'Os vellos favores non se recordan'


('O lobo e o mujik', León Tolstoi)




Lisardo Quintas Teixeira leva uns días coa mosca detrás da orella, pretendendo saber quen vai apandar coa cruz dos vinte e dous millóns depositados nesa conta suíza, presuntamente a nome de Luís Bárcenas Gutiérrez. No expartido do extesoureiro non queren saber nada do asunto e o propio Bárcenas, ou bar-cenas (non sei ben onde pórlle o til, se en Suíza ou na Arxentina) tampouco parece ter moita ansia por asumir a paternidade de semellante cerellada.


Para tranquilidade dos galegos, o noso presidente xa nos avisou de que nunca oíu falar dos sobres que din que repartía o seu 'ex-compa', o egrexio don Luis. Para tranquilidade do señor Núñez, eu tampouco sei nada nin cheguei a recibir un can dese tal. Xa somos dous! Non obstante, dáme o corpo que a resposta de don Alberto non satisface a unha boa parte da humanidade. Se cadra hai quen pensa que sabe algo máis. Hai xente moi mal pensada!


Mais, como non hai mal que por ben non veña, os de Santander xa comezan a saber quen era aquel senador por Cantabria que nin o propio señor Revilla coñecía, e que mesmo foi candidato sen que probablemente o soubesen os xefes do partido polo que foi elixido. Pois iso. Da vida e obra do que contaba os cartos, ninguén sabe nada de nada!


O único que está claro, ou así o afirman don Mariano coma dona María Dolores, é que o seu ex-compañeiro, ex-xerente, ex-senador, ex-descoñecido en Cantabria e presunto ex-titular da conta de Suíza sen titular, foi un ex-celente profesional. Por iso, e non por outra razón, despois de pillalo coas mans na masa, amasando para non sei quen, goza de coche e chofer pagados con cartos esbrancuxados. E mira ti por onde, aquel que seica se fartou de repartir sobres cheos desa crase de diñeiro que a xente alcuma negro, finalmente acaba por beneficirse dun tipo de diñeiro que lle chamarán branco. Ou branqueado, grazas á pericia do rei dos deterxentes, o ministro dos tributos, quen tampouco sabe nada do caso.


Aínda que, tarde ou cedo, se acabe confirmando que, dende o século pasado ata os nosos días, o home da maquía lle repartía sobres brancos cheos de diñeiro negro a todo quisque -menos a min e ao señor Núñez- esa parte da humanidade que sempre desconfía pode durmir tranquila porque o conto só o saberemos nolos tres: don Luís, don Alberto e máis eu.


Ah! Menos mal que un camarada do exboss do extesoureiro está a piques de atopar o remedio que acabará dunha vez por todas coa corrupción ?a dos outros- para gloria e ventura do moncloíta de Sansenxo, grazas ao inédito proxecto, tan claro coma a luz dunha noite sen lúa, denominado 'estratexia de rexeneración democrática'. Que alivio!

Te puede interesar