Opinión

A LEI DOS CORPOS OPACOS

Yo te he de ver, te he de ver, te he de ver/ aunque te escondas y te apartes de mi vista/ y si yo pierdo mi cartera sin querer/ de nueva cuenta te mando un retratista.


(Tu retratito, Melecio Díaz)




Querido sobriño: Non vou ser eu quen rebata esa aburrida cantinela da xente do pepé botándolle a culpa a Zapatero de tódolos males que padecemos. Tampouco negarei que foi un dos gobernantes máis nefastos do mundo mundial; mais se queres escoitar o meu parecer, direiche que ese que manda agora non ten pinta de que vaia ser moito mellor prea. Por iso, non sería malo buscar a maneira de arranxarlle unha 'paguiña' e que vaia pensando en tocar a chanca, pois xa imos sabendo o que dá de si e por moito que adestre non ten traza de mellorar.


Por certo, o último informe de Transparencia Internacional coloca a España entre os países máis ineficientes, máis neglixentes, máis corruptos e, polo tanto, máis opacos de Europa, relacionando expresamente a corrupción coa crise financeira e económica, e por suposto, coa crise social e institucional que nos abafa cada día.


Esa falta de respecto que lle teñen por aí adiante a España é grazas ao fabuloso esforzo dos 'inguenieros das finanzas', máis preocupados pola súa carteira ca pola xestión deses enredos que antes lles chamaban caixas de aforros e agora ninguén sabe como alcumalas. Mais sería inxusto non pór ao lado desta selecta tropa a unha boa recua de elementos que levan diante do nome a palabra 'excelentísimo', aos do 'plural maiestático', a uns que entenden polo trato de 'súa eminencia' e a outros aos que o trato de 'señor' lle vén demasiado grande.


Polo tanto, se o ilustre moncloíta quere facer algo pola imaxe de España e pola rexeneración democrática, non sería malo de todo que, nesa 'Lei da transparencia' que anda amañando, lle dedicase un capítulo aparte ao xefe dos xuíces para que deixe de presumir de gastar os cartos públicos no que lle peta, acompañado de quen lle dá a gana, sen ter que darlle explicacións a quen lle paga. Tampouco estaría mal que fixese outro tanto co cazador de elefantes. E tamén sería saudable que os fiscais dedicasen parte da súa xornada de traballo a ver que fixeron cos cartos os xestores de Bankia ou que carallo pintaban os gobernantes do Banco de España.


Ah! Pregunteille a un entendido se podían darse casos de xente con calos na cara e díxome que só é posible en tipos empostos a contar moitas e grandes sen inmutarse. Despois de Eugenio non tiña visto un fulano que fose capaz de contar tantos chistes sen rir nada. O sábado pasado vin un con calos na cara. Era o 'excemo' señor don Luis de Guindos, tratando de convencernos de que nos tocaran cen mil millóns de lotaría no canto de explicarnos o rescate que acababan de empaquetarnos.


Unha aperta moi grande. Lisardo Quintas Ferreira.

Te puede interesar