Opinión

Lévano no sangue

“Talvez porque eu pense demais ou sonhe demais, o certo é que não distingo entre a realidade que existe e o sonho, que é a realidade que não existe”. (Livro do desassossego, Fernando Pessoa).



Querido sobriño: Explicoume un amigo que o colmo dun cínico é entrar nun velorio, pórse a soprar por alén das costas e ao decatarse, por mor das filigranas dos presentes, que a corneta que está a tocar é a súa, non ten mellor ocorrencia ca botarlle a culpa ao morto.

Dona María Dolores e dona Fátima –xente formal onde a haxa- anunciaron na súa televisión, sen pórse coloradas, que imos ter o mellor Nadal dos últimos sete anos. Non parece nadiña doado adiviñar onde fixeron o servizo militar a señora secretaria xeral dos populares e maila señora ministra de Traballo. Mais do que parece que non hai dúbida é da ben merecida lercia castrense, “valor se le supone”, gravada con tinta china e letra de molde na súa cartilla militar. 

Que queres que che diga que ti non saibas, querido sobriño. Ao parecer, como as cousas por aí van de collón de mico, o Goberno seica decidiu decretar o adianto do día dos Santos Inocentes e encomendarlle o anuncio de tan atinada decisión á señora Cospedal, experta en contratos diferidos, e asignándolle o papel de teloneira á señora Fátima Báñez, emposta en empaquetarlle á virxe do Rocío as súas usuais desazóns en materia laboral. 

Iso de que estas dúas ilustres tarambainas aparezan en público –suplantando á señora Sánchez Camacho- para explicarnos solemnemente que, se o Goberno nos pon a chanca na gorxa, nunca vai ser para abafarnos, senón para darnos unhas lascivas rañadelas no punto “gue” do pescozo, a fin de que gocemos ata a extenuación, ata que nos pingue en fío o suor dos sobacos. E tamén para agradecernos o impagable esforzo dos últimos sete anos en satisfacer os antollos destes fenómenos do carafio. Como proba de que todo vai vento en popa e a toda vela, cada español recibirá de balde un agasallo que, de agora en adiante, septuplicará cada Nadal a produción das nosas pituitarias. E, por suposto, para darlle no fociño ao “señor da coleta”, a ver se se deixa de andrómenas e se cansa de dicir bobadas.

Ah! Sabes o que che digo? Que teñas paciencia, que non che se inflen os chintófanos. Se aínda non che apareceu o papá Noel co misterioso obsequio da señora Cospedal, non penses que non che vai chegar. A promesa de que has vivir o mellor Nadal dos últimos sete anos sigue en pé, gústelle ou non aos tocagüevos de sempre. Xa che chegará o agasallo. Mantén a calma e non sexas agoadizo. E se non che chega, sempre podes agardar pola renda básica de don Pablo. Ten paciencia! Sen gozar non vas quedar. Non quentes os nervios.

Te puede interesar