Opinión

O MAIORDOMO AUSTERO

Mentres cinco mil populares xantaban o sábado pasado na Coruña, Feijóo espetoulle á respectable concurrencia: 'Do mesmo modo que iniciamos o cambio político en España, comprométome a iniciar o crecimento económico en España'. Ao parecer non ten vagar para atender a súa casa e sóbralle para arranxar as de fóra. Mais podemos estar tranquilos, pois seica dixo o que dixo despois de comer e nos días de festa hai moi poucos músicos que toquen sen mollar algo a palleta.


O fenómeno que ía acabar co desemprego en 45 días e pretendía apagar os incendios agarrado a unha mangueira doméstica, converteuse no pirómano que está a piques de extinguir o pouco país que tíñamos e acabou sendo un maiordomo austero, sen ansia ningunha por ser o que tiña que ser: o presidente dun país que precisa dirixentes que non sintan vergoña de ser o que son.


Aquel vendedor de abelorios que nas vésperas das eleccións pasadas convenceu aos galegos de que ía comer o mundo, trocouse nun aforricas incapaz de gastar naquilo que hai que gastar, só polo pracer de presumir de ser o rei dos recortes. A súa obsesión por satisfacer ao amo -ou á ama, mellor dito- é tal que mesmo soña con recortar e recortar ata deixar sen pan aos que non poden ter outra cousa.


Algunha noite desas de penuria, cando escoita ruxir o pecho da porta de Montepio, cando tarda máis da conta en prender no sono porque o tempo rende máis do debido, cando a cabeza non ten paría e o corpo comeza a dar voltas, cara un lado e cara outro, ata que por fin durme e comeza a soñar, pídelle unha e outra vez ao seu anxo da garda que empregue todas as súas artimañas para que o ilustre moncloíta descolgue o teléfono e lle alegre a orella reclamando os seus servizos na capital do reino para lles explicar aos desbaldidores como se fai para quedar ben sen gastar un can.


Pois iso. Don Alberto 'o Austero', acabará despedindo este cuadrienio negro, que podía ser borrado da Historia de Galicia se non fose porque os anos non pasan en balde e porque o tempo vale diñeiro, sen ter comezado sequera algo que nos permita dicir que o tal das polainas fixo algo polo seu país que realmente mereza a pena de ser contado.


Xa hai quen di que o seu biógrafo só vai escribir na súa páxina da Wiquipedia: 'Pasou catro anos sen pena nin gloria e botou outros tantos para corraboralo', mentres algún grafiteiro escribirá debaixo do seu retrato pendurado nalgunha parede de San Caetano: 'Este señor foi capaz de ser presidente oito anos, sen facer nada de nada'.


Ah! Posto que os seus non lle mereceron o máis mínimo interese, a ver se fai algo por si mesmo e, antes de marchar, acaba aprendendo por que as vacas teñen nome de muller e de onde carallo vén sendo un tal Picasso que o noso presidente califica como excelente pintor catalán. Como diría o meu tío Lisardo: Hai que goderse, hai iso hai!

Te puede interesar