Opinión

MODESTIA APARTE

'A mí nadie me ha presionado,


(está mal que yo lo diga)


el que he presionado he sido yo (a ellos)'.


(Versos soltos sacados da obra oral que ben podía titularse 'Modestia aparte', cuxo autor é o ilustre moncloíta, Excelentísimo Señor don Mariano Rajoy Brey).




Dende que don Mariano mudou a súa residencia habitual á Moncloa non deixamos de presenciar -e padecer- desgraciados acontecementos que agroman cada día, coma se a chegada do noso paisano á presidencia do Goberno fose unha especie de castigo divino, coma se este individuo nos caese de súpeto enriba das nosas conciencias en forma dunha especie de penitencia que non podemos deixar de cumprir para espiar a culpa por ter cometido algún estraño pecado, deses que os teólogos non son quen de catalogar para incluílo acaidamente na lista dos específicos ou na dos xenéricos e así poder saber se este extraño fenómeno entrou nas nosas vidas polo seguro antes do copago, ou se alguén nolo endosou sen decatármonos, nun domingo de despiste colectivo, coa encomenda divina -ou alemana- de converter ao Estado Español nunha especie de anfiteatro, a piques de merecer a sede da Axencia Mundial do Chiste. Iso si, pagando a escote pericote!


É comprensible que o señor presidente teña cousas importantes que atender -os partidos da selección española de fútbol- mais non sería moito pedir se lle reclamamos un pequeno esforzo para que de a cara diante do sufrido contribuínte e explicar como é posible que, da noite para a mañá, nos empeñemos en 62 mil millóns e o fiscal xeral do Estado non sexa capaz de chamarlle polo nome a todos os culpables da desfeita para facerlle bater o cobre diante dos colegas do señor Dívar e do señor Rosa. Por certo, cando teña vagar o señor Rajoy Brey, tampouco estaría mal que nos dixese algo sobre estes dous compadres que tanto ben lle están facendo á xustiza en España.


Tampouco sería malo de todo que o médico de cabeceira do ilustre moncloíta lle recomendase algún xarope contra a preguiza para aguzarlle a memoria a fin de que se lembre da súa procedencia e nos conte se dispón dalgún remedio para que o seu Cónsul na Gallaecia deixe de presumir de ser o campión mundial das naderías e entre ambos nos digan se teñen pensado facer pola súa Terra algo máis ca controlar o déficit.


Ah! O meu tío Lisardo recoméndalle ao primeiro ministro das Illas Salomón -segundo a versión da ONU- a que aproveite o descanso do próximo partido de fútbol para darlle unha chamadiña á presidenta de Madrid e tratar de quitarlle da cabeza esa obsesión por entrar no Guinness a base de dicir burradas descomunais, como é o caso de querer asumir entre ela, Ruiz Gallardón e Jiménez Losantos as competencias do Tribunal Constitucional.

Te puede interesar