Opinión

NEGRO 'SOBRE' BRANCO

'Todo lo referido a mí y mis compañeros


no es cierto; salvo alguna cosa' .


(Mariano Rajoy Brey, presidente)






Unha noite no fiadeiro escoitei a conversa na que un vello lle confesaba a outro que tiña un segredo moi grande. E cando o compadre lle preguntou cal era ese segredo, aquel respostoulle, 'se eu soubera o segredo que teño, xa non sería segredo'. Nin o silencio, nin a escuridade da longa noite que veu detrás, me axudaron na solución daquel misterio e, aínda hoxe en día, sigo sen comprender que pretendería contarlle aquel vello ao outro cando lle falaba sen a máis mínima intención de dicirlle algo.


O sábado pasado, cando estabamos tomando o vaso, nun bar repleto de xente, apareceu sen avisar o presidente do Goberno -na pantalla do televisor- para deixar constancia, negro 'sobre' branco, da súa indignación contra os indignados, pretendendo darlle a volta á tortilla, para tratar de convencernos de que se non somos parvos, pouco nos ha faltar. Hai que goderse!


Foi nese mesmo instante, ao comprobar que ninguén lle prestaba ningunha atención ao ilustre personaxe, que latricaba sen pórse colorado, cando me decatei de que a súa leria era propia dos que non teñen reparo en dicir o contrario do que saben coa única intención de embobarnos.


Finalmente, o de sempre. A cousa está controlada e xa non hai nada de que preocuparse. Polo de agora, os asesores de asuntos internos non consideran necesario que as contas brancas do partido branco precisen dunha terceira auditoría, a mediopensionista. Cunha interna e outra externa hai dabondo para conseguir que o binomio 'debe-haber' cadre como ten que cadrar. O trinomio 'ten-que-haber', malia ser o máis relevante, quedará para despois do entroido, para os tempos de coresma, cando amaine o temporal, e aínda así xa veremos. Agora toca negalo todo e anunciar profundas mudanzas que deixarán todo como estaba. E para que saiban os 'tocagüevos' de sempre que non hai nada que ocultar, non teremos problema en recoñecer que a leira arxentina, esa dos limóns da Coca-Cola, que é máis grande cós días de maio, non é propiedade do ínclito don Luís. Pertence a outro extesoureiro do partido branco.


Pois vale! Xa lle direi ao meu tío que afaste da cachola esa endemoñada picardía de confundir oficio e beneficio. Iso só é propio da xente malpensada!


Ah! A propósito dos papeis de Bárcenas, o meu tío Lisardo pensa que hai que adoitar algunha medida que pareza algo grande, que sirva sequera para convencer aos da casa. Non sexa o demo que, mentres a garda pretoriana se farta de darlle voltas á manivela da distracción, o asunto ese de marras acaba por estourarlle, ao que fai de emperador na película, na súa propia estampa e por mor diso teñamos que perder o tempo con outro casting para que finalmente todo siga igual, o mesmo ca antes!

Te puede interesar