Opinión

A noite é moi escura

“É noite. A noite é muito escura.

Numa casa a uma grande distância/

Brilha a luz duma janela.”


(Poemas inconjuntos, Alberto Caeiro –heterónimo de Fernando Pessoa-).



Aelección directa dos alcaldes non é boa nin é mala, e o sistema actual, de elección polos concelleiros, non é máis democrático ca o que pretende instaurar o Partido Popular. Tales afirmacións non deixan incólume a ocorrencia de Rajoy e os perversos obxectivos dos seus compadres. O que ocorre é que ese conto -o da elección directa- non é máis ca unha manobra de distracción para entrar a saco na ocupación das alcaldías nas vindeiras eleccións locais. O que pretenden realmente estes paxaros é outra cousa: que sexa alcalde o que encabece a lista máis votada. E para alcanzar tal mester a solución consiste en chamarlle burro ao cabalo e meter a trampa na lei. Daquela, co novo sistema ideado polos que confunden picardía con virtude acontecerá que, nunha corporación de 25 concelleiros, onde verbi gratia, 4 grupos obteñan 5 postos cada un e outro consiga 5 actas, este partido (casualmente o do señor Rajoy) non só gañará a alcaldía senón que, grazas a tan fabulosa idea, entrará con 13 postos (8 máis dos conseguidos) e aqueles perderán 2 cada un.

Porén, un debate que en principio é inocuo convértese, mercé a mentes tan reviradas, nunha fargallada merdenta e perversa, propia dos que están empostos a confundir adrede o xogo democrático co xogo da brisca, onde o ás é a carta que máis vale. Xente malcriada e sen escrúpulos que ten pouco reparo en blasfemar, enchendo a boca con acepcións coma “rexeneración democrática”, para adaptar as regras aos seus antollos e caprichos, provocando apagóns democráticos acotío, ata instaurar un sistema político no que os que pensan distinto só lles queda deambular nunha noite cada vez máis escura.

Mais se pasa o que pasa, non é só pola culpa dos que levan a maldade na sangue. Existe un alto grao de responsabilidade da militancia partidaria que goza coas artimañas de determinado tipo de representantes políticos, empostos a actuar máis coma xenerais dun exército de saqueadores dos dereitos da veciñanza que coma líderes dos seus partidos. Velaí a última que nos faltaba, malia a imposibilidade do estupor.

Mentres tanto, o partido da alternancia que xa defendera noutras dúas ocasións esta pantomima, agora pediu tempo para pensalo. Cousas veredes, amigo Sancho! Comezan polos concellos e non tardarán en armar outra parecida no Parlamento galego ou no do Estado. De postos, con permiso do respectable público, todo será posible.

Ah! O meu tío Lisardo pensa que os arciprestes da “dexeneración democrática”, que se empeñan en encubrir a luz da lúa para que os que pensan distinto se esnafren na noite escura, deberían ir cavilando en mornear esa pérfida teimosía a fin de evitar que a xente do común se confunda nas tebras e, casualmente, acabe rebentándolle o bandullo.

Te puede interesar