Opinión

Porfías entre valentes e lacazáns

“Sempre, depois de depois, virá o dia, mas será tarde, como sempre”.

(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).


Levántate lacazán, a terra é para quen a traballa!» Puido ser, mais non foi esa a categórica reprimenda, que lle espetou o bloqueiro Carlos Callón aos deputados electos polas circunscricións galegas. Non foi esa, que va! Semellante agudeza corresponde a unha lúcida pintada que, nos tempos da transición, adornou a fachada dun cemiterio, hoxe declarado Ben de Interese Cultural. A condición de BIC tena o cemiterio e non o célebre aforismo, asinado polo seu autor –ou autora- coa letra “A” maiúscula, metida nun círculo, só para deixar constancia da súa acracia militante. E da súa modestia, tamén.

Callón entrou nesta aburrida campaña electoral, acudindo aos vellos e fatigados tópicos do discurso nacionalista, pretendendo zouparlle un moquete, no seu indefinido “a-de-ene”, aos representantes galegos nas Cortes, sen distinguir os que están unidos a el por vínculos de consanguinidade -a familia non se escolle- daqueloutros que non teñen maior reparo en renegar da súa ascendencia, ou en negar a procedencia, con tal de evitarlle zunidos desagradables, que lle poidan producir doenzas timpánicas, aos arciprestes do auto-odio, que campan e tosen no limbo madrileño.

Non tardou moito en darse por aludido o deputado Miguel Anxo Fernán-Vello, e pronto lle fixo saber ao seu insigne reprochante, don Carlos Callón, novamente aspirante ao título, que os compadres de En Marea, a pesar do pouco tempo que levan no cotarro, poden gabarse de ter feitos os deberes, e de traballar arreo pola Terra, sen que tales mesteres lles impidan repenicar e estar na misa ao mesmo tempo. Pois, tal e como lle acontecía ao prodixioso san Isidro Labrador, a súa xugada segue decruando as leiras, mentres comparten rezo e credo cos novos señores da cousa pública, grazas a un anxo que terma da rabiza do arado, para evitar que os bois acaben cos cascos enrellados.

Ah! Ao meu tío Lisardo dóenlle as illargas da alma, observando como nos guindamos os trastes á cabeza entre parentes, ou como perdemos o tempo, pintando proclamas rancias nas fachadas dun nacionalismo que languidece, mentres nos xactamos de valentes, malia que o País se vai esmorecendo de frío e de melancolía, grazas aos que seguen a pensar que eles son os únicos capacitados para salvarnos, sen importarlle a conivencia dos auténticos donos da soberanía; e outros, que contan co beneplácito cidadán, decidiron esquecer, alomenos de momento, que nesta esquina do mapa, a piques de ficar talmente á poula, a conquista de maiores cotas de benestar e o exercicio da acción política precisan de estruturas organizativas dotadas de plena autonomía. A non ser que só aspiremos a posuír a gratificante condición de Ben de Interese Cultural. Vaia por Deus!

Te puede interesar