Opinión

PP-C´s e o pacto da nora e da mula

“No medio da pista non quedaban xa máis que dúas parellas que aproveitaban a música cansa da peza final.” (Xoguetes para un tempo prohibido, Carlos Casares).

Os vellos figuróns do bipartidismo agonizante, fartos de amontoar lama nas engurras do do mapa, ao ver que a cousa se lle dilúe entre os dedos, decidiron acicalar o cotarro para que nada cambie todo permaneza. E a mellor maneira para perfumar o ambiente, sen necesidade de pór a cotra a amolecer, é andar á rolda, paseando de ganchete, cos novos carcas da discoteca política –Ciudadanos-, para facer que fan, para seguir embobando aos que teñen que conformarse con fincar os cotobelos na barra e enganar o padal con xaropes de garrafón, mentres os amos da pista de baile saborean os mellores gin-tonics, elaborados con boas xenebras e tónicas de quinina auténtica. Primeiro tocoulle o noivado ao PP, despois ao PSOE, agora outra vez ao PP, e así sucesivamente, porque o impudor desta tropa é sempre inmensurable.

A materialización plástica do relato é o pacto escenificado nestes días, entre o PP e C´s. Algo así como a relación entre a nora e a mula. A nora é ese chintófano, composto dunha roda que vira arredor de si mesma, que baixa baleira e retorna cos petos ateigados. A mula é un animal machorro, produto do cruzamento entre un cabalo e unha burra, ou entre un burro e unha besta. Tanto ten, a orde de factores nunca altera o produto.

A nora dá voltas verticalmente, para que pareza que vai cara adiante, que avanza progresivamente e, malia ser inerte, vese gozar maxestosamente, con esa soberbia propia dos que saben que nunca perden a viaxe, porque o combustible sempre lles sae de balde. A mula non. A mula, a pesar de ter a vida e a forza dun cabalo, fártase de dar voltas e voltas, horizontalmente, sen saber cal é o seu destino. Iso si, ámbalas dúas, a nora e mula, sempre acaban retornando ao punto de orixe, porque saben que non é saudable que haxa mudanzas, porque o sistema pode coller unha grave pulmonía, se a xente do común nota algunha mellora no seu débil estado.

Iso é o que hai. Alomenos é o que tratan de mostrarnos, día tras día, os que teñen a tixola polo mango, os que mangonean a información, para convencernos de que a vida, se perde a aburrida monotonía cotiá que nos departen a nora e a mula, xa non é vida.

Ah! O meu tío Lisardo nunca deixará de abraiarse por esa excesiva dose de chulería parsimoniosa, tan obscena e tan aburrida, que luce no papo dos dous do E, da España una, do pepE e do psoÉ, da súa teimuda obsesión por negar a evidencia, propia dos que se levan mal entre eles, porque teñen demasiadas coincidencias. Porque sempre acaban confundindo o vicio coas cousas de comer.

Te puede interesar