Opinión

A PREGUNTA DO VERÁN: QUEN É O TAL J.M.?

Meu prezado tío Lisardo: Aquí andamos, tratando de chantarlle cara a esta calor abrasante que case lles derrete os miolos aos iluminados mamotes -testigos do 'caso Bárcenas'- ata desmemorialos tanto que, diante do xuíz Ruz, só foron capaces recordar que non se lembraban de nada. A verdade é que os da Xustiza tampouco tiñan moita ansia por lles apretar os parafusos. En fin, aí seguimos embobados con Xibraltar e a voltas cos pementos serodios, tan insulsos que mellor fora non plantalos. Lémbraste daqueles cachelos con pementos fritos que tanto che sabían? Probaches na túa vida algún manxar semellante? Agora non saben a nada!


Ti ben me entendes. O que está a pasar aquí hoxe en día, querido tío, é coma eses pementos dos que che falo. Tanto ten comelos coma deixalos. Vaia! Unha cousa sen gusto nin aliciente, que nin che quita a fame nin vale para pasar o rato. Xa sabes, nin fu nin fa!


Pois iso! Sei moi ben que non vou ser capaz de contaxiarche a miña estúpida apatía. Cústame ben comprender esa cobiza irremediable que tanto te sulibeya, esa andacía que dis que che revolve o estómago, que che atúe a gorxa sen che permitir bafexar, que está a piques de abafarche a alma. Cústame entender a teimosía que che absorbe tanto a vida, esa mórbida cisma por saber quen é o J.M. que aparece nos papeis do conspicuo Bárcenas. O misterioso elemento que tanto mandaba, xeneral degradado a civil, coma o ilustre multimillonario.


Líbreme Deus de pretender desanimarte! Talvez deberías pensar en desistir, e deixar de porfiarme con tanta contundencia para que furgue nas cloacas da alta polytique, ata enterarme do significado de tan velenosas espingardas: Jota punto, eme punto! De que me falas, meu tío? Ti sabes o que me mandas? Nin xuíces, nin fiscais, nin calígrafos, nin policías, nin políticos dos grandes son capaces de mollarse atribuíndolle un nome a tan maiúscula combinación gráfica. Ata o propio Bárcenas ouvea cando lle amentan tamañas consoantes! E ti, dálle que dálle!


Mais eu son ben mandado. E para que vexas que non escapo da túa encomenda, contareiche as miñas conxeturas. Os que andan co asunto entras mans, no canto de ir directamente ao gran, optaron polo método menealla e non enmendalla, que consiste en ir descartando, un por un, a calquera virtual sospeitoso, cuxas iniciais concordan coas de marras. De momento, e para a túa tranquilidade, aquel coñecido lusitano que fora adestrador dos merengues -e que tanto veneras- foi un dos primeiros en figurar no inventario, mais a día de hoxe xa fica descartado. Quen sigue baixo sospeita é un tal Jaque Mate.


Ah! Para que saibas o aparvados que andamos, xornalistas incluídos, seica lle preguntaron por J.M. a don Alfonso Alonso -o voceiro do PP no Congreso- e este respostoulle ipso facto, 'Si Bárcenas no sabe quién era J.M., yo cómo lo voy a saber'. Capiscas, tío? Pois recapacita e déixate de andrómenas! Unha aperta moi grande.

Te puede interesar