Opinión

PUNTOS FILIPINOS

Punto filipino: Expresión que se usa para designar a alguén deshonesto, desvergonzado, malintencionado e inmoral.




Tal e como nos veñen contando os medios de comunicación, nos últimos tempos as aburridas operacións (Muralla, Campión, Orquestra,?) xa fican fóra da atención do común dos mortais por mor do irresistible ascenso á palestra mediática dunha nova racha de elementos coñecidos coma 'excelentísimos puntos filipinos', que proliferan coma se fosen cogomelos. O de excelentísimos hai que aplicárllelo por razón do cargo que ocupan, e o de puntos filipinos pola súa teimosía en considerar ao resto da humanidade coma coitadiños súbditos, sen ansia ningunha por exercer coma cidadáns libres, incapaces de pensar e actuar por conta propia. A fachenda destes tipos é propia dos que pensan que hai unha caste de escollidos que goza do privilexio natural de facer o que lles pasa por debaixo do arco de triunfo sen ter que darlle explicacións a ninguén.


Na miña infancia escoitaba ao meu tío Lisardo falar dos que el alcumaba 'rapalindeiras', para referirse a ese tipo de fulanos que non satisfeitos con apañar a herba dos cadabullos, aínda tiñan valor e coraxe para arrabuñar unhas poucas migallas da colleita dos veciños, esquecéndose de que entre dous eidos, entre os antollos de uns e os dereitos dos outros, existe unha liña recta imaxinaria, denominada marxe, que vai de marco a marco, perdurable ao longo da historia, establecida para non ser sobrepasada nin sequera polos que, fagan o que fagan, sempre se senten protexidos por aquilo que se chama legalidade.


Para que se entenda! Se a alguén se lle ocorre saír da casa un xoves despois da sesta, coller o andante cara o sur, pasar uns días en Porto Banús en compañía dunha parella indeterminada, voltar o martes despois de xantar ben e dedicar o mércores a facer o papeleo para endeñarlle a factura ao respectable contribuínte e -se lle queda vagar- cagar sentenzas sobre o ben e o mal, a ninguén lle debe parecer mal que lle chamemos 'punto filipino', por moito que nos diga que non ten nada que explicar, por moito que nos conte que o que fai ou o que deixa de facer é legal ou por moito rosario que rece antes de se deitar.


Corolario: A famosa lei da transparencia do ilustre moncloíta vai polo camiño acaído. De momento, fican fóra os que non queren pagar a contribución e ameazan con sacárllelo da pel aos pobres, os cazadores de elefantes, os que foron postos para defensores do pobo e lámbenlle o cu ao amo e os adoradores nocturnos das semanas caribeñas.


Ah! 'Adquirín a convicción de que case todos eran homes inmorais, malvados, sen carácter, moi inferiores ao tipo de persoas que eu coñecín na miña vida de bohemia militar. E estaban felices e contentos, tal e como pode estalo a xente cuxa conciencia non os acusa de nada' (León Tolstói).

Te puede interesar