Opinión

O que acontece é insignificante, o importante é o que nos contan

“Nao posso crer que isso seja assim. Posso crer que alguém o julgue assim” 

(Fernando Pessoa, O libro do desassossego).


A finais de agosto morría Mijaíl Gorbachov e, hai cousa dun mes, tomaba posesión Gustavo Petro, como primeiro presidente de esquerdas de Colombia, nos seus 200 anos de vida como país independente. E, se houbese algo de rigor e obxectividade nos grandes medios de comunicación, parece obvio que semellantes acontecementos serían merecentes dun trato semellante a ese notición, que apareceu por mor do pasamento da señora Elizabeth Alexandra Mary de Inglaterra, o pasado 8 de setembro, día da Nosa Señora dos Milagres, adquirindo a categoría de monográfico nos telexornais, sen que a día de hoxe saibamos cando deixarán de aburrirnos con este mantra que se empeñan en que nos interese máis cá guerra de Ucraína, cá suba do IPC ou cás chuvias que pretenden asomarse discretamente, pretendendo facernos a vida algo máis levadeira, agora que está a piques de irse canda Isabel II o verán máis seco e caloroso que seica padecemos dende antes do seu nacemento. A diferenza está en que ao funeral do verán, o mesmo que ao dos plebeos, pode ir quen queira; ao da raíña de Inglaterra só poden acudir os convidados, sen que iso lle estorbe para embobarnos con matices de suma transcendencia: o emérito vai ao funeral por ser rei ou porque é parente da defunta? 

O colombiano foi elixido democraticamente pola cidadanía do seu país, o ex xefe de Estado da URSS ocupou o cargo porque o elixiron no seu día –aínda que fose daquela maneira– secretario xeral do Partido Comunista da Unión Soviética. Mais o novo rei de Inglaterra, que por mor da súa vida laboral e da súa idade debería ser merecente dunha pensión non contributiva, accede á xefatura suprema de Gran Bretaña, doutros catorce Estados e mesmo dunha confesión relixiosa, por pertencer a determinada familia e tamén porque, en todas as analíticas que lle fixeron, sempre lle atoparon glóbulos azuis no sangue. 

Asi que, no medio de tanto fastío e mangoneo, sería desexábel que apartaramos un instante a ollada da pantalla da televisión, non só para evitar que o médico nos acabe diagnosticando o mal da vista cansada, senón tamén para intentarmos interpretar os algarismos arábigos da letra pequena, ás veces moi difusa e sempre tan revirada, que se agocha entre as maiúsculas, que os ecargados de despistarnos tratan de inxectarnos na masa encefálica, con absoluto descaro, para que creamos o que pretenden contarnos. 

(O meu tío Lisardo, desconfiado por natureza, ou talvez por mor das cicatrices que tanto lle engurran os miolos, é dos que pensan que, se cando falan da biografía do tal Carlos III, amentan as súas presuntas falcatrúas, tamén podería ser, non para que as coñezamos, senón para que non nos escandalicemos ao escoitarmos decires parecidos que lle afectan a outros que nos presentan como salvadores da democracia. Mais iso carece de importancia, porque ao fin de contas os reis nunca delinquen, só cometen erros insignificantes). 

Te puede interesar