Opinión

Regálenos bonsais, señor alcalde

Opinión

Regálenos bonsais, señor alcalde

“Subiron os ollos e atopáronse co ceo. Baixáronos e o inferno desaparecera. Só ficaba o rescaldo último dos seus propios corpos” 

(Á sombra dos bonsais, Antón Riveiro Coello)

Señor alcalde: A nosa mortificada cidade, tal e como acreditaron máis de sesenta enxeñeiros hai cousa de dous anos, xa conta cunha das construcións máis horríbeis do mundo: “a mole do Milenio”, esa ponte que imita unha gaivota preñada de toneladas de formigón armado, rañando a barriga contra as apracíbeis augas do Miño para chulearse diante da incomparábel elegancia das súas veciñas. Agora vostede, señor alcalde, pretende mellorar a marca dun dos seus predecesores agraciándonos co “espantallo de Mariñamansa”, un poleiro de 300 metros de altura, 80 plantas e un millón de arrobas de estulticia.

Como ao sabelo non paraba de ferverme o sangue metín o pasaporte no peto, merquei un billete de ida e volta e voei de Bos Aires a Santiago. Ao pisar terra arrinquei a escape cara Ourense. Quería achegarme alí, ao barrio de Mariñamansa. Mais antes farteime de ir e vir dun lado cara o outro para constatar se nesta lánguida Áurea, talmente esfandangada, aínda podía atopar unha soa cuarta da súa enqueirada pel na que as autoridades e os seus favorecidos –por descoido, claro– se esqueceran de mallar nela.

Ao chegar acolá, a Mariñamansa, ceibei a imaxinación e fun alancando de un en un os máis de 1.440 chanzos que cumpría vencer para chegar á última planta dese novo desafío á sensatez. No percorrido encontrei oitenta pisos totalmente baleiros: sen ideas, sen propostas, sen proxecto de cidade, sen xente,... sen nada. E en todos a luz que entraba polas fiestras ensumíase deseguida e apagábase como un candil sen gas, ao bater contra as portas, as paredes e os teitos, sempre tinguidos de gris marengo. No último andar había dúas salas un tanto estrañas. Nunha estaba un estante con centos de libros –105.505 páxinas, tantas como almas hai nesta cidade– cheos de actas de defunción inconclusas, emboutadas de tinta china, asinadas polas autoridades competentes. Na outra, penduraba do teiro un enorme mural no que se podía ver un mastodóntico embigo, rodeado dun coro de faunos tocando cadansúa corneta con aparencia de embudes de lata enferruxada.

Ah! Regálenos bonsais, señor alcalde! Pois nin con cen espantallos, colocados un enriba doutro, vai ser quen de convencernos de que desde o alto do tellado seremos capaces de apalparlle os seos ao firmamento.  

Que Dios guarde a V.I. muchos años. Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar