Opinión

Tempo de mudanzas

“O que nós vemos das cousas são as cousas./ Por que veríamos nós uma cousa se houvesse outra?”. (O Guardador de Rebanhos, Alberto Caeiro -heterónimo de F. Pessoa-).

Hai cousa duns días, o presidente da Xunta, tan emposto a contarnos milongas, facía espaventos, tratando de convencernos de que, grazas á súa encomiable labor, aínda hai moita auga nese pozo que, curiosamente, el mesmo tanto contribuíu a que estea a piques de estiñar. Nunha recente comparecencia pública, este excelentísimo señor afirmaba que “Galicia ten criterio, está presente e escoitaselle en España”, “creo que os meus colegas doutras comunidades, discrepan de Quintana”. O tal, despois seguiu falando e falando, sen sequera pórse colorado.

Coa pose habitual que o caracteriza -tan pouco crible, por certo- o señor Feijoo pretendía negar o obvio e levarlle a contra a Anxo Quintana, no seu empeño en convencernos de que debemos mudar canto antes a nosa parsimonia, para evitar que Galicia acabe situada en ningures e para frear en seco a marxinación endémica que non ten trazas de cambiar, a pesar de que os tempos que se aveciñan poderían ser propicios para enfiar as cousas polo camiño acaído se somos capaces de tomar cartas no asunto e de decatarnos que, nunca mellor dito, ninguén nos vai sacar as castañas do lume.

A histórica marxinación de Galicia, causada polo descarado desinterese dos gobernos de Madrid -indistintamente de que sexan de dereitas ou de esquerdas- e en boa medida consentida, tense acentuado nos últimos tempos por mor da desgaleguización da política no noso País.

Mais a cousa non ten pinta de coller trazas e comeza a ser preocúpanse se non adoptamos unha actitude que nos permita estar en condicións de porfiar por sermos considerados como galegos con dereitos, capaces de pór en valor as nosas capacidades, comezando por situarnos no lugar que nos corresponde na configuración territorial que vai agromar da inminente reforma constitucional, inevitable para que vascos e cataláns atopen acomodo no Estado español.

Ah! O meu tío Lisardo advírtenos que deberiamos ir cavilando en atopar as ferramentas e os instrumentos apropiados, e a pericia necesaria, para facernos valer por nos mesmos e así evitar caer na trampa que, por enésima vez, nos van armar os vellos conseguidores, dispostos –coma sempre- a salvarnos da marxinación secular. Mesmo deberiamos andar finos de orella para non deixarnos embobar polos novos feiticeiros que asoman polo sol nacente que, a pesar das súas boas intencións, tampouco serán capaces de aviar a situación. Pois iso.

Te puede interesar