Opinión

Tempos de mudanzas
 inadiables

“Mas, na verdade, nada altera nada, e o que dizemos ou fazemos roça só os cimos dos montes, em cujos vales dormem as coisas.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).



Talvez levamos tempo de máis, sen tomar en serio as cousas que nos incumben. Deixámonos engulir pola teimuda monotonía das rutinas cotiáns e, sen decatarnos, deixámonos engulir pola negrume da noite. E é aí onde nace a nosa innegable responsabilidade. Nese aquedado desleixo e na estúpida transixencia. Na nosa panoca rendición, aturando e azacotando, con melindrosa mansedume, o asoballamento arrogante dos badulaques con pinta de respectables cidadáns. Ou na nosa febleza de pensamento, coidando que, se por un casual chegaban a perder, acabarían por renunciar ás súas inmerecidas prebendas.

Talvez chegou a hora de pórmonos farrucos e non seguir estragando o exiguo tempo que posuímos, rebaténdolle e reprochándolle baldías cativezas aos que se atreven a remudar bruscamente a vella política. Ou aos que pretenden desinfectala dos garduños que se agarran coma lapas ás cousas que nunca foron da súa pertenza, reivindicando inauditas bulas, cunha insaciable cobiza, e co incondicional alento desa crápula que bautizaron co curioso nome de “poderes fácticos”, a pesar ser máis reais cá pura realidade.

Talvez sexa esta testuda realidade que padecemos, a que está superando con creces a ficción que nos embobou tanto tempo. E talvez as cousas sexan tal e como acontecen, e tal e como as relatan os que se atreven a contarnos o que pasa, malia a enfermiza obsesión dos porfións, empeñados en deturpar a verdade para mostrala como nola queren contar, e nunca como é realmente.

Por iso, a política –a vella política- neste estraño lugar do mapa que lle deron en chamar España, sigue sendo tan esbrancuxada, ou tan descolorida, ou de cor rosácea pálida, coma unha posta de carne crúa que leva tempo á intemperie, sometida a quenturas extremas. Talvez sexa demasiado tarde para fumigar este ambiente tan espeso, para limpar o aire cheirento e esa pérfida neboeira que non deixa clarexar o día, e que se vai pegando á roupa, e aos miolos de xente que mesmo parecía normal. En fin, aí seguimos arrodeados de recuas de ilustres cidadáns de casca grosa, con aparencia de xente limpa, malia soltar o mesmo fedor dos badulaques auténticos.

Ah! Talvez deberiamos darlle a razón ao meu tío Lisardo, quen á vista desta abafadiza paisaxe tan empezoñada e escabrosa, se acabou agarrando a ese tal Bertrand Russel: "ao contrario do esquema habitual, fíxenme gradualmente máis rebelde, a medida que envellezo”. Pois iso.

Te puede interesar