Opinión

VENDER E MERCAR EN GALEGO NON É PECADO

Querido sobriño: Escribo estas letras para facerche saber que recibimos con moita ilusión o agasallo que nos enviaches pola filla do Nicanor. Todo chegou en perfecto estado e a rapaza contounos, con pelos e señais, como andan as cousas pola Terra.


Como ben sabes, Carme ?a filla de Nicanor- é xente ben formada e, a pesar de non ter nacido en Galicia, foi sempre moi sensible con todo aquilo que ten que ver co noso País.


Mentres demos conta das botellas de Ribeiro, dos queixos e das conservas que nos fixeches chegar ?por certo, todos etiquetados en galego- a fervedeira de Carme non deixou de gabar a aqueles nosos empresarios que non teñen reparo en etiquetar os seus produtos en galego e mesmo presumen de considerar a lingua coma un valor engadido que contribúe a afianzar a calidade e a competitividade das súas mercadorías. Contounos con gran entusiasmo que había xente na nosa Terra plenamente concienciada de que etiquetar en galego pode incluso favorecer a demanda e, ao contrario do que moitos pensan, axuda a pór en valor moitas das nosas cousas boas e ben feitas.


Por iso penso, querido sobriño, que a ninguén lle debería parecer mal que haxa xente que lle chama ás cousas polo seu nome, que é capaz de loitar cada día contra esa especie de amnesia colectiva que nos queren embuír algúns dos nosos gobernantes, empeñados en borrar do mapa a nosa Historia e a nosa Lingua ata converter a Galicia naquel Macondo de Cien años de soledad de García Márquez onde 'O mundo era tan recente, que moitas cousas carecían de nome, e para mencionalas había que sinalalas co dedo'.


Maiormente heiche de dicir que as cousas que se producen en Galicia son galegas de todo cando o seu nome e as súas lendas explicativas aparecen no idioma que aínda emprega e entende a maioría do noso País. Eses cidadáns que fan posible a súa saída ao mercado e son os principais consumidores do que se vende e do que se merca nas tendas galegas.


Dixo a rapaza do Nicanor -que como sabes non é ningunha trapela- que só debe existir un país no mundo, con idioma propio, que non use maioritariamente a súa lingua para etiquetar os seus produtos na fala da súa Terra.


Ah! Non sería malo de todo que os nosos representantes políticos promovesen, nas distintas instancias, a elaboración de normas que impulsen o etiquetado no idioma de orixe dos productos, como forma de maior garantía para o consumidor. Todos deberían saber que, neste mundo globalizado, o futuro económico tamén está na potenciación do propio, e a mellor maneira de acreditalo é mesturando as mercadorías e o idioma de procedencia.


Se tes ocasión, faille chegar os meus parabéns á xente do Foro Peinador pola súa teimosía en achegar o galego aos asuntos das empresas.


Unha aperta moi gande. Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar