Opinión

Xa o sol asomaba no poñente

“O que sobrevém é um tédio sem sono nem esperança, o mau despertar de quem não chegou a dormir.”  (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

A propósito do acontecido nas pasadas eleccións -e das enquisas emboutadas con prebes sospeitosos- a determinados camándulas da cousa pública seica lla encabaron domeada, sen anestesia e sen sedantes. Malia ser vacinados coa xeringa do escarmento, seguen facendo coma se a cousa lle pasase rozando. Haberá que preguntárllelo aos de En Marea e aos do Benegá, ou a don Pablo Manuel e a dona Ana. En fin, os que non acaban de aprender, nin con grandes doses de curas de humildade, deberían dicirnos algo.

No canto de explicarnos as causas da desafección de miles dos seus votantes, dispostos a ficar na casa, decidiron por unanimidade botarlle a culpa ao medo, ou ao depredador Procambarus clarkii, vulgarmente coñecido coma cangrexo americano.
Sabemos ben que, tan a codia coma o miolo do bipartidismo reinante, que nunca deixou de agromar, son correúdos e desoladores. Sabemos que os partidos clásicos, da destra e da sinistra, precisan un formatado meticuloso do seu disco duro ideolóxico e político. Tamén nos decatamos que nos toca vivir tempos infestados pola coxeira intelectual e pola estulticia insolente. E talvez saibamos de sobra, que non é doado atopar unha pomada que nos permita paliar as doenzas cutáneas, causadas pola insolación de tanta mediocridade.  

O meu tío Lisardo ten constancia empírica de que don Mariano e os seus lambecricas, pretenden convencernos que o seu concepto da metafísica posúe a condición de ciencia exacta, tratando de engadirlle á aritmética das votacións, unha especie de salvoconduto, que lle permita ao partido mellor situado, gozar dun chocante certificado de inmunidade contra o sarampelo das falcatrúas ou barrabasadas, cometidas antes do 26 de xuño. O meu tío, mesmo sabe de sobra que o xefe do PSOE, para salvar a súa pelica, quere facernos crer que o seu é un problema menor, e os pesoeiros deberían brincar de felicidade, porque o importante é ficar de segundos, mentres non haxa quen conte a distancia a respecto do primeiro, e o bafexo que lle bota o terceiro na súa caluga desplumada.

Ah! O que realmente lle custa comprender ao meu tío, é ver como os vellos e os novos arrieiros do materialismo dialéctico –tantas veces amentado e tan poucas practicado- seguen renegando da máis elemental capacidade analítica, sen deixar de trabucarse, cada vez que recitan a complicada táboa do nove, cando teñen que explicarnos os resultados electorais que non lle son favorables. Por iso lle aconsella, menos marxismo –de Groucho- e máis Le Luthiers: «ya los fieros enemigos se alejaron / no resuena el ruido de sus botas / nos pasaron por encima y nos ganaron, / nos dejaron en derrota. / Perdimos, perdimos, perdimos  otra vez». (Anaco do himno da derrota titulado, “Ya el sol asomaba en el poniente”).

Te puede interesar