Opinión

Burros e apaleados

Leo, porque son sufridor -ou afectado- directo dela, a información na que este mesmo xornal, pero do pasado domingo, aborda as diferencias e carácter laboral que mantén o funcionariado da administración galega de Xustiza, coa Xunta, como órgano xestor -por transmisión de competencias- da xustiza galega.

Léoo, porque o pasado sábado fixo un mes que meu pai -como dixo o poeta- "quedou durmido e xa non espertou, deixando un profundo vacío entre nós, pero, precisamente por mor desa treboada reivindicativa e non atendida na que andan ensarillados funcionarios e administración, a efectos administrativos e, polo tanto, xurídicos, meu pai -como algo máis dun milleiro de galegos- continúa, dun xeito máis real ca na nosa memoria afectiva, entre nós.

E continúa entre nós porque aínda non fomos quen de conseguir un papel oficial, asinado polo responsable do Rexistro Civil, que diga que iso non é así e que nos avale documentalmente unha dolorosa realidade coa que podermos presentar noutras administracións, documentos tan banais, pero tan necesarios para que continúe a vida, coma un certificado de derradeiras vontades, a pensión de viuvez de miña nai ou a reorganización dos bens pecuniarios ou materiais que nos legou.

E lendo isto, leo tamén que, como do mesmo xeito que os responsables de fornecernos ese lacónico papel a nós, tampouco llo teñen feito chegar á Seguridade Social, polo que se lle damos carta de veracidade ó que afirma a información -e, loxicamente, eu non podo dubidar nin un segundo sobre o que escribe a xornalista- "las defunciones en el cajón no sólo complican las peticiones de últimas voluntades a la hora de heredar, si no que a efectos administrativos  y tributarios no constan en el listado las bajas", polo que "sus pensiones serán abonadas con normalidad".

Lido isto e sabendo que en Galicia pasa do milleiro de persoas -ou familias- as que están nesta mesma situación, abonda con botar catro contas da vella para entender que a unha media, poñamos dun milleiro de euros por pensión, o milleiro e pico de pensionistas que xa non deberían cobraren a pensión, recibirán nas súas contas unha cantidade total de arredor dun millón de euros que non lle corresponderían, simplemente porque uns cantos responsables do servizo en folga non fixeron o traballo que deberían facer.

Entón, pregunto: Quen é o responsable deste burato económico na administración? Se logo a axencia tributaria retira das contas a contía ingresada, quen se responsabiliza dos problemas causados ás familias afectadas? En definitiva, quen está primeiro o ovo ou a galiña? É dicir, o dereito de folga que lles asiste ós funcionarios ou o dereito que nos asiste ós administrados, de non termos por que ser burros e apaleados nunha porfía á que ninguén nos convidou.

Te puede interesar