Opinión

Camiños de ida e volta

Se vostede ten unha certa querencia por esta columna e unha memoria en bo uso de almacén, é posible que lembre que hai uns días fixen unha reflexión sobre o manifesto "deputacións? non, gracias!", anunciado por Compromiso por Galicia. Na mesma liña de reflexión -e non de crítica, posto que, como teño escrito noutras ocasións, cadaquén dentro dos marcos propios da leira democrática é libre de sementar o que queira-, na última que escribín denantes desta, fixei o obxectivo nas eleccións primarias dos da banda de Laíño -é dicir, o PSdeG- da capital e por extensión chamaba, precisamente, a reflexionar a tódolos grupos políticos co fin de que caesen na conta de que os piares sociais nos que adoitan asentaren as súas chegadas a moitas institucións son a miúdo certamente endebles.

Feito este obrigado recordatorio, non sería xusto, entón, que (dado que o resto de formacións tamén andan promovendo movementos -nalgúns casos pendulares- nos seus comités locais para axustaren os puntos de mira de cara ás próximas eleccións) non me fixera eco das últimas "incorporacións" que os da banda de Lestrove -é dicir, o PP- acaban de meter no canastro. Máis, cando ámbolos dous son veciños da miña aldea -para min, Cortegada seguirá sendo sempre a terra balnearia da patria de Rosendo- e no caso concreto da Bola mantemos unha serodia amizade que se perde mesmo nos tempos das pasantías agosteiras.

Evidentemente, vou emitir a miña opinión sen que ma pida ninguén, porque este é o meu oficio, e como adoita acontecer irá contra corrente.

E irá contra corrente porque mentres a lóxica democrática que toca -é dicir, a cínica- está poñendo en solfa a decisión tomada por ámbolos dous, cualificándoos -no máis nimio dos casos- de oportunistas, a min non me parece tal a súa actuación senón unha consecuencia normal duns pasos que si deberon seren tachados de oportunistas, se cadra, cando tomaron o camiño de ida e non cando volveron sobre os seus propios pasos, para recalar no lugar do que por cuestións meramente ideolóxicas non deberían teren saído nunca.

E digo isto porque se concluímos en que cambia chaquetas é aquel que muda de opción política, por unha cuestión lóxica de principios xa o eran cando se presentaron por unha ou pola outra formación e, polo tanto, os que agora protestan pola mudanza, xa terían que telo feito daquela, por máis que daquela se beneficiaran delas sumando unha alcaldía en cada caso ás súas formacións.

E o mesmo razoamento vale para os que preguntan polo prezo do "traspaso", xa que logo, en boa lóxica parece coherente preguntar tamén se é que houbo "traspaso" daquela.

Te puede interesar