Opinión

É xusta, a xustiza?

O que acaba de ler, benquerido lector, non é unha pregunta retórica, nin porque leve o concepto repetido, nin porque leve implícita a contestación. E, para que non se enlee, primeiro direille o meu parecer e logo explicareille a miñas razóns.

Ós ollos do que hoxe mesmo acabo de ler, no tocante ó calvario persoal polo que teñen feito transitar ó alcalde da Merca e sobre a que hai uns días me pronunciei no sentido da responsabilidade que ó meu ver lle queda grande ós alcaldes en problemáticas urbanísticas coma esa, sinceramente penso que a xustiza non é nada xusta.

E, mire ata onde son ousado, que me atrevo a aseguralo sen ler unha soa folla da sentencia que o condenou.

Vexamos, entón.

Imaxine que, por un despiste ou unha imprudencia momentánea, os axentes píllano nun "renuncio menor" deses que consciente ou inconscientemente todos cometemos nalgún intre cando imos ó volante, e logo de recibir a correspondente denuncia, presentar os pregos de descargo e conseguintes alegacións, acaba sendo condenado a ter que pagar -poñamos por caso- 40 euros de sanción.

Imaxine, entón, que unha vez finalizado todo o proceso non lle queda máis remedio ca proceder ó pagamento e aínda que de mala gana, se achega persoalmente á oficina de sancións para cumprir coa súa obriga e, por un casual -hipotético, porque eses billetes xa non están en circulación- entrega un billete de 200 euros para saldar a súa débeda e o responsable de cobros da oficina lle di que non teñen cambio para poder darlle a volta, polo que no canto dos 40 euros que lle foron comunicados, vánselle quedar cos 200 que inocentemente lles entregou.

Imaxina cómo lle subiría o sangue polas veas denantes de blasfemar contra o Ministerio de Interior?

Pois, por máis que o exemplo que acabo de traer a colación lle pareza un pouco torpe e de imposible aplicación, máis ou menos iso é o que lle acaba de acontecer ó alcalde da Merca con esa sentenza un tanto inxusta que veñen de lle notificar por tardar en executar -que esa é outra, xa que logo, acabouna executando- outra sentencia xudicial relativa á demolición dunha vivenda.

E digo que ven a ser o mesmo porque, por máis que o alcalde sexa condenado a 4 meses (40 euros no meu suposto) de inhabilitación, ó final a condena efectiva vai ser de 2 anos (200 euros na miña alocución), debido a que ata o mes de maio de 2019 non poderá recuperar a alcaldía, se é que aínda lle quedan arroutos para presentarse a unhas novas eleccións.

Dis que para que a xustiza sexa xusta, a pena ten que ser proporcionada ó delito cometido. Pois ben, seguindo esa máxima, se a condena efectiva é superior á pena imposta, a min que me expliquen o que queiran, pero se me preguntan se a xustiza é xusta, en casos coma este teño que responder que non.

Te puede interesar