Opinión

ELECCIÓN DIRECTA, XA!

Acabo de ler con atención o documento publicado pola oficina de prensa de La Moncloa respecto da tan agardada reforma da Administración Local e a verdade é que foron varias as reaccións que en silencio e de forma inmediata me provocaron a súa lectura.


A primeira delas é por qué tivemos que esperar 34 anos dende as primeiras eleccións democráticas, e que se pousase sobre nós unha inmensa nube negra en forma de crise de cabalo que nos aproximou ó precipicio para que nos decataramos de que o funcionamento da administración local corría de mentira consentida en mentira consentida, cara a súa debacle final.


A segunda, xa que no resumo (power point de ideas, chamoulle o ministro Montoro) non di nada, é se a administración autonómica vai suprimir de contado as denominadas subvencións competitivas (que xa pola súa propia denominación eran unha aberración administrativa), esas que mantiñan ó persoal municipal (e a unha boa parte do autonómico, tamén) entretido en agardar a publicación da súa convocatoria no diario oficial de Galicia, en redactar unhas memorias que a miúdo eran coma cartas ós reis magos e que se repetían mimeticamente cada ano con cuantificacións orzamentarias de nivel 10 para que conseguir unha subvención de 5 e logo gastar 3 co fin de que o servizo lle rendese minimamente ás arcas municipais. E logo, na segunda metade do ano botar outra boa parte dese ciclo mergullado na xustificación de pequenas miserias, polo que no último no que se puña a atención era precisamente na racionalización do servizo. E acabo de escribir en pasado coa esperanza de que esta reforma supoña definitivamente o seu final...


A terceira é positiva, pois, como defensor dos servizos públicos que son, prestoume ler o que segue: 'Lejos de privatizar los Ayuntamientos, la reforma potencia la gestión pública directa, ya que un servicio sólo podrá ser prestado por una entidad pública empresarial local o sociedad mercantil local, cuando sea más sostenible y eficiente que la gestión por la propia entidad local'.


Imaxina vostede cántos sustos xudiciais tería aforrado a sociedade española nos últimos anos se isto fora contemplado xa na Lei de Réxime Local de 1985?


E para rematar porque se acaba o espazo, unha cuestión final que, do mesmo xeito que as leis, precisará dun desenvolvemento, outro día: Se os presidentes das Deputacións van xestionar as competencias do 95 % dos concellos españois, de novo fago miña a reivindicación de José Manuel Baltar e esixo a súa elección directa ¡xa!

Te puede interesar