Opinión

De España pr´a Allariz

Se vostede, benquerido lector, é máis ou menos de onde se move o meu círculo máis cercano, é posible que teña escoitado algunha vez a expresión que acabo de inserir no titular que nos preside.

"A onde vas?" É esta unha pregunta recorrente que a miúdo se converte nunha pregunta retórica e que na miña terra primordial adoita ser contestada -cando un non quere desvelar o destino- con un "vou de

España pr'a Allariz" que quere dicir o mesmo ca non ir para ningures.

Certamente descoñezo a orixe da expresión, pero para as xentes de Celanova, A Bola e arredores é bastante común escoitala, malia que como acabo de explicar, non signifique absolutamente nada.

E lembreina hoxe porque "de España pr'a Allariz" veu sendo, máis ou menos, cara onde foi dar ese veciño de Petín que quería viaxar a Lanzarote e por arte de birlibirloque acabou pousando o cu na terminal de Bratislava, xusto ó outro lado de Europa. Aí é nada!

En fin! Que a vida anda así de revolta. Na era da información pensamos sabelo todo, coidamos que cando tomamos unha decisión estamos absolutamente documentados, que non hai ninguén que sexa quen de enganarnos porque somos posuidores da nosa verdade ata termos completamente absolutos e de súpeto por un transitorio cambio de carril, un pequeno despiste na procesión aeroportuaria cara as portas e embarque, unha mirada fuxidía á tarxeta de "idem" ou deus ben sabe qué, o caso é que un pretende viaxar á Patagonia e cando bota o ollo pola xaneliña resulta que está preto de pousar no poirento e aburacado chan da Lúa.

É dicir, coma quen vai de "España pr'a Allariz" ou, o que ven sendo o mesmo, coma quen vai para ningures.

E é que de "España pr'a Allariz" seméllame a min o destino cara o que camiña esta sociedade aparentemente documentada e en moitos casos desnortada na que nos ten tocado vivir e coa que me dá a min que imos ter que convivir nese conxunto metafísico de espazo-tempo ó que lle chamamos futuro.

Levo tempo reflexionando nisto e onte, unha entrevista televisiva a dous, na que participaron os que seica van rexer os nosos pasos colectivos nese singular escenario espazo-tempo denominado futuro, acaboume por abrir os ollos definitivamente e demostrarme o moito que se atopa de actualidade ese vello dito celanovés de irmos "de España pr'a Allariz" cando realmente non imos cara ningures.

Resulta que as sesudas prospeccións sociolóxicas indican que calquera deles pode ser presidente do noso país e para demostrar demoscopicamente a súa valía posible valía presidenciable, un xornalista xúntaos nun bar de barrio a falar coma se estiveran tomando unhas cañas. En fin!, repito. Ou España vai definitivamente pr'a Allariz ou eu estou perdendo o norte.

Te puede interesar