Opinión

Falemos de Europa

Nunha xornada na que os fantamas todos do pasado decidiron cruzar por unha pasarela a pleno día na fermosa e tranquila cidade de León, para concluír de contado en que a vida dunha persoa semella valer menos cada vez -un mero posto de traballo- e que finalmente vai provocar que a campaña electoral quede definitivamente tocada, se é que non o estaba xa, propóñome eu que falemos de Europa.

Túrranme das teclas, para abordar isto, unhas declaracións que lin hoxe mesmo -onte, para vostede- e que foron realizadas, seica, polo presidente da Xunta actuando como presidente do Partido Popular en Verín, no sentido -fago meu o entrecomiñado que reproducía o xornal- de colocar á capitalidade das terras de Monterrei como paradigma "de apertura de miras para formar, con Chaves, unha eurocidade".

E fágoo porque dende hai ben tempo levo seguindo -iso si, dende a distancia que media entre Celanova e Verín- o proxecto de constitución dese marco de convivencia ó abeiro da Unión Europea creado cun pretendido sentido de proxecto piloto entre dúas localidades ligadas por un río natural e separadas por unha fronteira artificial, e por máis que lle dou voltas non son quen de dar entendido por qué un proxecto de fomento da convivencia entre as xentes dunha e doutra beira da raia ten sido tan focalizado e non planificado para tódalas comarcas da fronteira.

Falemos de Europa, pois. E vaia por diante que eu son pro-europeo.

Cando España decidiu que era hora de dar o paso á fronte e buscar acougo na casa común europea -logo se cumprirán tres décadas- a Galicia rural sostíñase como podía no marco dunha economía de subsistencia, co paso cambiado en pleno proceso de afastamento das vacas colonizadoras do campo galego de toda a vida -as barrosas, logo denominadas "rubias galegas"- e a paulatina introducción das vacas frisonas, suízas e holandesas que daban leite ata polos cornos.

Entón, chegou unha voz de Bruxelas e dixo: "Non, as vacas frisonas, suízas e holandesas que vaian daren leite á súa terra!". E así foi, a pouca industria leiteira deixou de producir e a cárnica tamén porque, de carne, o único que quedaban eran unhas poucas vacas cachenas. Deixou de haber gando e deixou de haber agricultura. Os prados foron comidos pola floresta e a Galicia menos activa continuou devalando en caída libre para producir números vermellos que alimentasen a estatística e así poder converterse nun barato laboratorio de pura enxeñería social de fronteira. É dicir, nunha "eurocidade" formada por dúas vilas pequenas.

Te puede interesar