Opinión

Ó fío dun vodevil

Durante moito tempo escribín nesta columna, que na miña Galicia ideal as Deputacións estaban de máis, porque, entendendo a xeografía galega como un todo territorial -tal como a definía o Antigo Reino-, entre Xunta de Galicia, Deputacións, Concellos, Fundacións Comarcais e Mancomunidades, existía unha evidente duplicidade de competencias nada operativa para a racionalización do deseño dos servizos públicos e, sobre todo, para a súa xestión económica e coherente.

Daquela, esa Galicia ideal sen Deputacións configurábaa eu no marco dunha Galicia comarcalizada, onde as bocarribeiras contasen con regulación legal do mesmo rango cós municipios -e non como simples asociacións voluntarias de intereses-, con representantes propios no Parlamento Galego para que todas elas -loxicamente en proporción demográfica- tivesen voz de seu no hemiciclo do Hórreo.

Logo, unha obvia evolución dos tempos, tanto políticos, como sociais e tecnolóxicos, fixéronme mudar sensiblemente de opinión e leváronme a considerar que, se cadra, hai por tras delas preto de dous séculos de tradición que non deben ser botados ó lixo polo que comecei a considerar que tal vez non fose tan perxudicial a súa conservación. Iso si, reorganizando primeiro outras entidades e administracións -coma as mancomunidades e os concellos- e redefinindo tanto as súas competencias coma as súas estructuras organizativas e, por suposto, a fórmula de elección dos seus representantes públicos.

Velaí porque considerei positiva -e así me pronunciei tamén nesta columna- a simbólica iniciativa promovida -con silencio tenso da súa propia organización noutros estamentos- polo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, de presentar programa electoral e "candidatura" á presidencia provincial, aínda que a lei actual non o contemple.

Non me pronunciei -pero fágoo agora- no tocante ó adianto posterior do seu grupo de goberno, entendendo que non lle fixo moito favor ó carácter simbólico da súa pioneira iniciativa, porque -descoñezo se querendo ou sen querelo- co anuncio dos 14 deputados denantes da súa elección formal por parte do resto de alcaldes e concelleiros da provincia, púxolle un lamparón á proposta de democratización dos gobernos provinciais, ó pexar a liberdade de elección ó resto dos concelleiros do seu partido en cada unha das anacrónicas demarcacións polas que son elixidos.

Traio as Deputacións a colación porque, se algo demostrou onte o vodevil que o BNG e o PSOE representaron na Deputación de Lugo para gozo da alcaldesa de Mondoñedo, isto foi a razón que ten José Manuel Baltar ó reclamar a elección directa dos seus presidentes, que entón si estarían facultados para nomear, tamén directamente, ós seus equipos de goberno.

Te puede interesar