Opinión

O ladrón e a xuíza

Descúlpeme a impericia, pero dende a miña perspectiva de leigo nos asuntos da xustiza, hai cousas que se me escapan e que, a modo de terapia (isto é, para non me sentir ignorante de todo ou ignorante solitario), gustaríame participalas con vostede, benquerido lector.

Ten relación, a reflexión que vou facer de seguido, coa petición de pena que a fiscalía acaba de trasladarlle hai uns días ó xuíz e na que pide unha eternidade -¡243 anos por unha parte, máis 885 pola outra!- para o afamado autor confeso do roubo do Códice Calixtino, pero non polo roubo do valioso tomo, senón pola substracción de non sei cantas cartas que os eficientes traballadores de Correos depositaban nos buzóns dos seus veciños do Milladoiro e que el retiraba dun xeito subrepticio sen saber moi ben con qué fin nin con qué destino.

Polo que lin na prensa -cousa que con total seguridade vostede tamén compartiu comigo- disque o Ministerio Fiscal, tecnicamente acúsao de ter cometido 162 delictos contra a intimidade, por unha banda, e 295 delictos, pola outra, por -dito na lingua do código penal- "descubrir los secretos o vulnerar la intimidad de otro, sin su consentimiento", apoderándose "de sus papeles, cartas, mensajes de correo electrónico o cualesquiera otros documentos o efectos personales".

Pois ben, sen que sexa a miña intención, nin moito menos, relacionar un delicto de roubo masivo de cartas coa tramitación dun sumario penal, reclamou a miña atención o milenario encausamento do empregado do arcebispado, en contraposición cunha dúbida que me asalta cada vez que leo, vexo ou escoito reproducidas nos medios de comunicación, conversas telefónicas de terceiras persoas que sen estaren encausadas (é dicir, acusadas ou imputadas) no sumario, ven cómo lles sacan á luz as súas vergoñas, tendendo a campo aberto as roupas máis cotrosas do seu armario máis íntimo, sen que se cadra ó final sexan relevantes para as consecuencias penais do sumario.

Non pretende ningún posicionamento este raciocinio, pero non me dirán que dende unha perspectiva de leigo en material xudicial, como é a miña e como pode ser a súa, non chama a atención que mentres a Fiscalía pode pedir unha condena de máis de mil anos de cárcere para un home por violar a intimidade de 40 veciños ó roubarlle as cartas dos seus buzóns, que unha xuiza permita expor nos medios de comunicación unha conversa telefónica privada dunha persoa que fala por teléfono con outra encausada non sexa máis ca un dano colateral da Xustiza.

Te puede interesar