Opinión

No fondo do espello

Permítame, benquerido lector, que hoxe -día 1 de marzo de 2014- pouse unha mirada na "miña patria primordial" -que dicía Celso Emilio- ou "no meu berce petrucio" que tamén el mesmo acostumaba a dicir, para facerme eco da feliz culminación dun proxecto que foi xerminado por dúas persoas hai xusto ¡37 anos!

Eu era un mozo de 17, completamente alleo a aquela xerminación, que acostumaba a transitar furtivamente cos meus amigos polos tellados do convento e a tomar o sol nas tardes de verán nos contrafortes pétreos da igrexa, sentíndome dono do mundo por sermos quen de explorar lugares inalcanzables para o resto dos seres mortais que habitaban o noso pobo e que semellaban formiguiñas por aquí e por alá para a nosa perspicaz e privilexiada adolescencia cando as contemplabamos dende alá no alto do campanario conventual.

Non mo crerá, pero onte pensei dabondo nisto mentres lle dabamos as derradeiras pinceladas estructurais á montaxe dunha serie pictórica do artista "ourensán de Crecente", José Antonio Ocaña Martínez. Obra que a partir de hoxe mesmo poderá visitar se o desexa con só achegarse a Celanova e solicitar subir á torre das campás -ou dos abades, que diría Miguel Ángel González- para poder gozar tamén da mesma privilexiada panorámica sobre o "largasío val" da que eu e os meus amigos gozabamos daquela sen ser consciente de que no futuro algo había ter que ver coa responsabilidade de compartir aquel privilexio cos demais.

No ano 1977, da amizade xurdida entre Ángel Martínez Vázquez "Anxo" (a quen hoxe moitos non lembrarán, pero sen o que a presencia social e mesmo de culto da que hoxe goza a figura histórica de San Rosendo non sería a que é nin por asomo) e o pintor José Antonio Ocaña Martínez naceu o proxecto de instalar no mosteiro de Celnaova -e con permanencia- o conxunto dunha mostra plástica de gran formato constituída por dúas ducias de cadros que máis ca relatar de forma liñal a biografía do personaxe histórico que fundou Celanova, dedícase a reflexionar sobre o home e o mito, sobre o monxe e o bispo, sobre o guerreiro gobernador e os profundos conflictos internos cos que Rosendo Guterrres tivo que lidiar alá onde se perden os tempos para ser quen de nos legar ós que nos tocou habitar as terras de Vilar no futuro todo o patrimonio cultural do que hoxe gratuitamente gozamos.

Hai 37 anos xurdiu unha idea que agora quedou instalada de forma permanente nos cinco andares cos que conta a torre-campanario do vello edificio monacal celanovés. Onte pola tardiña José Antonio Ocaña e máis eu fomos quen de vivilo. Anxo -falecido en 1993- non puido. Ou si? Quen sabe...? Se cadra, en forma de trasno no fondo do espello?

Te puede interesar