Opinión

Pala, terra e memoria

Non coñezo nin ó pai, nin á filla. É máis, nunca estiven en Vilamartín de Valdeorras que non fose cruzando a circunvalación que percorre os seus arrabaldos ó pé da vía e co curso manso do río Sil como fondo de escena.


Tampouco sei absolutamente nada dos pormenores locais -e moito menos familiares- que se sucederon no devandito municipio para que acabaran derivando na representación político-local máis esperpéntica que temos testemuñado os ourensáns (e xa temos visto unhas cantas) ó longo dos últimos trinta anos, e que vostede lembrará porque tivo lugar hai tan só unhas semanas, co protagonismo estelar dun alcalde-pai e a unha filla-concelleira que acabou sendo elixida alcaldesa e o mesmo día que foi elixida tal, asinou colectivamente unha carta na que de forma retórica lle chamaba traidor o seu pai, non se que denantes o proxenitor a cualificara, a ela e ós seus compañeiros de grupo político, co mesmo adxectivo.


Logo deste longo introito, como vostede comprenderá este artigo vai escrito, pois, dende a perspectiva do lector de xornais (é dicir, dende a súa propia perspectiva), que asistiu nas últimas semanas a un episodio máis da triste ‘sitcom’ (así é como lle chaman os americanos ás teleseries ou comedias de situación que tanto éxito están tendo cos seus acenos de parodia, nas televisións de medio o mundo) na que se ten convertido a vida municipal ourensá, tan necesitada, por outra banda, de sentidiño...


E ven provocado por unha fotografía que vin hai dous ou tres días (non sei se neste ou noutro xornal) onde amosaban á nova alcaldesa ‘inaugurándose’ no nobre oficio -instaurado polo bipartito para diferenciarse das placas entronizadoras de Fraga Iribarne- de colocar a primeira pedra de non sei ben qué empresa que seica se vai instalar no seu ‘herdado’ municipio.


Sei, porque a coñezo por dentro, que a vida municipal atende moi ben a ese vello adaxio que fala de que os pobos pequenos son como grandes infernos. Como tamén sei que cando ademais, a esa vida municipal se lle engade no medio o termo ‘política’, as labaradas dese inferno adoitan verse fortemente avivadas ata chegaren a afectar moi seriamente á unidade das familias. Eu mesmo coñezo algúns nomes e apelidos que poderían certificar isto que digo.


Por iso, cando vin a foto da nova mandataria coa pala na man, sen querer fixen unha perversa asociación de ideas entre pala, terra e memoria que me levou a pensar en que non todo debe valer en política.



Te puede interesar