Opinión

PLATAFORMAS

Vaia por diante que non pretende esta columna, nin moito menos, poñer en dúbida a lexitimidade social do nacemento de correntes populares de opinión -tamén chamadas plataformas-, como reacción ó xurdimento de calquera iniciativa institucional ou política.


Dito isto, voulles relatar a conversa que mantiven hai uns días cun amigo -un bo amigo- do Irixo que anda, con certa lóxica, alporizado pola ausencia de información sobre a instalación da planta de tratamento de residuos nos comunais de dúas parroquias dese municipio ourensán lindeiro co interior da provincia de Pontevedra.


Faloume, el, do desacougo que lle acababa de producir a nova e do profundo cabreo que tiña contra o alcalde por non lle ter feito saber á veciñanza o ofrecemento que lle fixo á Consellería e á empresa que vai xestionar o proxecto, duns terreos que seica non son de propiedade municipal senón de rexencia comunal, como tantos e tantos outros montes galegos.


Eu, facendo de avogado do diaño e dándolle ó mesmo tempo a miña sincera opinión, recomendeille que antes de meterse en ningunha iniciativa abocada ó fracaso se documentara ben, tanto sobre o lugar concreto onde está proxectada a instalación do complexo (cousa importante), como sobre os sistemas de tratamento e reciclaxe que van utilizar no mesmo (cousa non menos importante), alén de sobre os beneficios económicos que suporá tanto para o Concello como para os propios veciños (cousa non primordial, pero si de futuro) e, sobre todo, que preguntara con qué prexuízos e beneficios levan dúas décadas convivindo, sen ir máis lonxe, os veciños de Cerceda, xa que logo, non tiña constancia informativa eu de que a taxa de enfermidades ou falecementos deste concello fosen superiores a calquera outro municipio galego.


Loxicamente, a súa resposta -con ton de inquérito- non se fixo agardar: '¿Dirías iso mesmo se a instalaran ó pé dos Quintairos ou en Celanova?


'Home..., se a instalaran ó pé de Celanova -respondín eu- sería o primeiro en poñerme á fronte da manifestación. Ora ben, se a levaran para algún dos moitos montes hoxe improductivos e afastados da comarca, o que tentaría sería transformar o problema nunha oportunidade e poríame a traballar de contado nas moitísimas propostas de rexeneración social e medioambiental, turísticas e culturais que lle poría por riba da mesa -como contrapartida na negociación- para poder vivir de algo máis ca da recollida do lixo.' Non sei cal das dúas posturas é máis lexítima. O que si sei -sempre e cando non se aborde a cuestión dende a hipocrisía- é que non se pode estar reclamando permanentemente postos de traballo para os nosos fillos e a cada iniciativa xurdida lle naza por xeración espontánea unha plataforma en contra.

Te puede interesar