Opinión

Eurovisión Spain pre-party

Realmente cumpríronse as expectativas, e a segunda edición foi todo un éxito de organización e convocatoria; os responsables de Eurovisión-Spain.com, con moitos galegos á cabeza, poden estar máis que satisfeitos por todo o conseguido a pasada fin de semana en Madrid. E o conseguido foi xuntar a miles de persoas entusiastas do Eurofestival en torno a máis de vinte delegacións chegadas de toda Europa para vivir un excelente anticipo do que será a gran cita dos próximos días en Lisboa. Todos os que alí estivemos, artistas e convidados, tivemos palabras de eloxio para a organización do evento pola divertida e intensa fin de semana que nos fixeron vivir. 

A primeira mostra de que todo estaba preparado concienciudamente foi a recepción e rolda de prensa para os medios no Hotel Barceló Imagine de Madrid onde puidemos escoitar, conversar e facernos fotos con todas as delegacións, e onde eu aproveitei a presenza da representación portuguesa para facer de reporteiro dos meus amigos de “This is Galicia Calling” para que inclúan nos seus podcast as impresións das representantes da RTP Cláudia Pascoal e Isaura, aínda que a gran expectación xirara en torno a Alfred e Amaia, os representantes de TVE, aos que notei lixeiramente cansos e con demasiada presión enriba.

A festa do venres na Sala “Joy Eslava”, a “Welcome EsPreParty”, non puido ser máis estupenda, con moitas das delegacións europeas alí presentes e coa presentación impecable de Víctor Escudero e da nosa Lucía Pérez, artista queridísima polos eurofans que lle demostraron unha vez más que a adoran, aplaudindo e coreando as cancións que interpretou, incluída a fermosa “Lela” coa que reivindicou o noso idioma. Lucía volvería actuar na gran gala do sábado en “La Riviera” onde cumprindo o gusto de Vicente Rico, galego alma máter do evento, lucíu o mesmo vestido co que se subira ao escenario de Düsseldorf para interpretar o “Que me quiten lo bailao”, que as dúas mil almas que alí estabamos coreamos e coreografiamos. Nesta ocasión sería a tamén fantástica Soraya Arnelas quen exercera de anfitriona, ao lado da portuguesa Filipa Sousa e da andorrá Susanne Georgi, dirixíndose ao público en todos os idiomas oficiais do Estado máis o inglés e o portugués, xa que nesta ocasión o “leit motiv” da edición era a  “Conexión Ibérica”.

Houbo moitos momentos emocionantes neste magnífico concerto, pero resalto especialmente a gran ovación para a representante do Reino Unido, os berros de “Portugal Portugal” cando as representantes do País irmao cantaron “O Jardim”, pero sobre todo os interminables aplausos e vítores para a representación francesa, Madame Monsieur, que remataron con bágoas nos ollos de tanto cariño recibido pola interpretación de “Mercy”, unha das cancións que todos desexamos sexa gran favorita na final de Lisboa do día 12 de maio.

Coa emisión en directo por primeira vez a través da web de RTVE, esta cita eurovisiva non fixo máis que consolidarse e superar con creces ás outras celebradas en Tel Aviv, Londres e Amsterdam, recibindo os parabéns de toda Europa e pedíndolle aos organizadores que vaian comezando a preparar a de 2019, a non ser que Alfred e Amaia traigan o trofeo para España, pero iso xa será outro cantar.

Te puede interesar