Opinión

Bieito Ledo, escritor, “Se non se le, non pasa nada; se se le, algo pasa”

Con Isaac Díaz Pardo na Casa Galega da Cultura.
photo_camera Con Isaac Díaz Pardo na Casa Galega da Cultura.

"Se non se le, non pasa nada; se se le, algo pasa”. Esta frase envieilla a varios amigos o pasado día 23 de abril con motivo do Día Internacional do Libro, declarado pola Unesco en 1995, lembrando nese día a morte de Miguel de Cervantes, William Shakespeare e Garcilaso de la Vega. E en 1963, por iniciativa de D. Paco Fernández del Riego, a Real Academia Galega institúe o Día das Letras Galegas con motivo da impresión en Vigo, na imprenta de Compañel, do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863, cen anos antes.

Nesta 61 celebración dedícaselle a quen tivo esa iniciativa: Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura, título co que no ano 2000 editamos a súa biografía en Ir Indo, da autoría do seu amigo e académico Xosé Luís Franco Grande, reeditado en 2022 con novas achegas do profesor Anxo X. Rajó.

Tiven a sorte de tratalo moito e durante moitos anos. Primeiro nos seis anos que pasei na Editorial como director xerente, tempo que un día si e outro tamén, subía a Artes Gráficas, situada no Calvario, en Vigo, onde il exercía de Director; logo, xa no meu oficio de editor en Ir Indo, oficio no que moito aprendín da súa xenerosa e pedagóxica mao.

Se eu tivera que escoller unha persoa máis das que levo coñecido, e xa son moitas, que teña escollido o proxecto vital de “ter para ser”, tería que ser D. Paco, nome co que todos o coñeciamos e o tratabamos. Por iso xa en vida foi unha persoa moi querida e admirada.

Non quero rematar esta miña colaboración para un día tan sinalado sen facer unha reflexión que experimentei na miña estadía en Luxemburgo, pequeno país de apenas 600.000 habitantes e coa renda per cápita máis alta do mundo; país que ten tres idiomas oficiais: luxemburgués, francés e alemán. Pois ben, cando eu ía coa miña filla Anadía a recoller á gardería pública a Iago, que o mes que vén cumpre tres anos, descubrín que o idioma vehicular do centro é o luxemburgués, motivo que o conserva e difunde, e que fai que todos os habitantes deste pequeno país falen habitualmente cinco idiomas.

Cando o Parlamento galego, onde todos os deputados e deputadas falan galego, acorden por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, e o noso goberno poña na etapa preescolar o galego como idioma vehicular, D. Paco, dende onde se encontre, verá que a súa entrega xenerosa mereceu a pena. Esto pode e debe suceder. Será cuestión de tempo e perseveranza. Eso si, “fortiter in re, suaviter in modo”. E sabendo que “se non se le, non pasa nada; se se le, algo pasa.” 

Te puede interesar