Opinión

Os colleiteiros non deben namorarse

Ves as viñas mentres almorzas e reparas en como se fan maiores cada ano. Coidalas coma se fosen as túas fillas; sabes o que lles pasa en cada momento e o que precisa cada unha.
Ás veces a lei de Murphy demóstrase: estrágase o tractor, enferma algún familiar... Pero na nosa aldea, onde cada vez queda menos xente, non só somos veciños, somos irmáns de sangue, como naquela serie de Spielberg. Cando precisas algo, sen que o pidas, sempre vén alguén a axudarte ou a prestarcho. Esta claro que na viña do Señor temos de todo, pero por sorte, no noso pobo as ovellas negras están contadas.
Adoito camiñar pola viña, subir algunhas fotos ás redes sociais; os meus amigos coméntanme que senten envexa. Certo é que a xente non aprecia o que ten ata que o perde. Vénme á cabeza un “flashback”; aquela lembranza de cando eramos cativos e a algún dáballe vergoña admitir as súas orixes ou falar en galego, balbucindo un español convertido a castrapo, para tentar aparentar o que non era.


Á beira dalgunhas das miñas viñas vexo varias leiras sen traballar, que pertencen a aqueles aos que lles dicían os seus pais que marchasen do campo para ter unha vida mellor. Hoxe en día non as venden ou cambian, porque pensan que ao mellor vaste facer rico grazas a el. Algúns veciños o ven todo negro pensando que se ninguén vende ou cambia, co tempo iremos perdendo mais e mais viñedos. Prefiro pensar que a xente valora o que temos aquí e que esta realidade traerá a investimentos.


Certo é que os do Ribeiro somos xente diferente; coas nosas peculiaridades, con algúns defectos e moitas virtudes. Os colleiteiros temos claro quen somos e do que somos capaces; non fai falla que ninguén nolo diga, ou que ningún anaco de papel nolo certifique. Ás veces veñen eses que todo o saben e todo o entenden, pero que non son quen de aceptar que hai cousas que non se ensinan nas universidades ou nun máster, ou que un programa informático non dá computado. Como non comprenden que “Ribeiro is different”, espétanche na faciana que ás pequenas adegas do Ribeiro fáltanos profesionalización. 


Medio Rural e o Igape entenden á perfección a nosa idiosincrasia e por iso sentimos que seu apoio é fundamental, sobre todo para promoción internacional. Os tempos cambian e o único animal que sobrevive é o que sabe adaptarse á nova contorna.


Os colleiteiros sabemos que quen herda unha adega ou unhas viñas, herda un compromiso co medio rural, co cal a súa familia leva cumprindo xa varias xeracións. Espero ser capaz de darlle aos meus fillos a oportunidade de gozar do rural coma fago eu, inda que non dea beneficios, prefiro morrer de pobre no rural, que vivir de rico na cidade. Xa que cando chegue ese momento, espero non sexa cedo, o meu único desexo é ser enterrado en Castrelo de Miño porque viñas somos e en viño nos converteremos.

Te puede interesar