Opinión

Algo falla

Súbelle a saia a súa muller e asemade, báixalle a braga. Este acto, que ben podería ter os seus matices eróticos no ámbito privado, sempre e cando exista conformidade por ámbalas dúas partes da parella, supón unha afrenta de grao maiúsculo contra a integridade da muller se a actuación realízase en público. Algo tan incríbel e deplorábel é o que denunciou unha muller, que viu como durante anos foi sometida a semellante degradación porque o seu esposo, segundo o argumento da defensa do acusado, ‘é un home moi bromista’. Non se conformaba semellante individuo só con espir parcialmente á súa dona diante dos amigos senón que ademais, nun acto brutal y primario que pouco di do seu intelecto, gustaba de poñer por riba da mesa ‘os seus atributos’.


Para demostrar a súa autoridade apelaba ao ‘aquí mandan os meus collóns’, posta en escena incluída. ¿Pódese ser mais irracional? Dende o recoñecemento de non coñecer a totalidade da sentencia e dende o respecto que aínda sinto pola xudicatura, quero afirmar que non me recoñezo como conxénere de xuíces que xulgan, sentencian e absolven comportamentos machistas e delictivos tan graves como os referidos. É unha mágoa que a estas alturas se produzan resolucións xudiciais que son cargas de profundidade contra a loita que, durante os últimos anos, veñen emprendendo homes e mulleres en contra da violencia de xénero neste país, nesta sociedade á que recoñezo como avanzada e moderna.


Sentencias deste calibre, manifestamente contrarias ao que debera ser unha resposta firme e contundente da sociedade contra os maltratadores, xa sexan físicos ou sicolóxicos, non só desaniman aos homes e mulleres na súa loita contra a violencia doméstica senón que ademais producen un efecto de desconfianza na xustiza no que atinxe á muller maltratada. Iso é pouco menos que desandar o camiño que tanto esforzo costou trazar para illar aos violentos.



Te puede interesar