Opinión

ARTILLERÍA CONTRA O MALTRATO

Aconcentración de mortes femininas ao calor fatídico destas datas estivais, pon de manifesto que na fronte da violencia exercida polos homes contra as mulleres seguimos estando moi lonxe de resolve-lo problema. Non é a única clase de violencia no seo das relacións persoais e familiares, nin a máis estremecedora (esta triste palma, lévaa á violencia contra os nenos, outra fronte aberta no que tamén temos algunha que outra reflexión pendente). Pero a súa aplastante preeminencia estatística e os esforzos de todo tipo despregados para combatila, fan máis clamoroso o noso fracaso.


Quizáis sexa o momento de preguntarse; con pouca complacencia e a menor cantidade posíbel de ideas preconcebidas, qué é o que está a fallar. A cadea de mortes dos últimos tempos, en vez dunha oportunidade para recaer nas ideas mecánicas de sempre (como o efecto imitación, ou o fácil recurso á condición de inmigrantes de vítimas e verdugos), debería ser un acicate para examinar cuestións máis fondas e, sobre todo, máis operativas. Se neste asunto, como parece, estamos sostendo unha guerra que non resulta tan exitosa como quixeramos, quizáis deberiamos volver examinar a nosa estratexia. Por seguir o símil bélico, nesta contenda empregamos recursos ofensivos de moi diversa índole, e cabe preguntarse se duns e doutros estamos facendo a xestión máis eficaz. Dotámonos, por exemplo, dun arsenal de armas legais e xudiciais excepcionalmente potentes, que chegan incluso a forzar ao límite principios constitucionais (como o da presunción de inocencia penal) e que permiten intervencións demoledoras e case instantáneas. Virían ser como a nosa artillería de groso calibre contra o maltrato. O malo é que a artillería non se utiliza con precisión, sen identificar ben as dianas, merma a súa capacidade de danar ao inimigo e, no peor dos casos, pódese convertela nunha máquina de machacar as posicións propias.


Por outra banda, a nosa abundancia de cañóns quizáis nos fixo esquecernos dese vello axioma da arte militar que di que 'a vitoria sempre a coroa a humilde infantería'. O que aquí virían a se-los recursos policiais e de asistencia social, que distan de se atoparen en proporción coa tarefa, como o proba o feito de que, alomenos, en dous dos casos destes días a violencia previa fose notoria e incluso denunciada, sen que iso servira para protexer ás mulleres. Aparte de afina-la puntería dos cañóns, quizáis sexa hora de poñer a máis xente na trincheira quitándoos doutras labores menos acuciantes. Dúas suxerencias: menos escoltas para protexeren riscos que son máis remotos cá estes e menos despilfarro de policías no fútbol, que é un negocio privado.


Te puede interesar