Opinión

Brotes verdes

Anda A Farixa axitándose nunha tormenta de renovación. Ten en abundancia o que todo o mundo espera da economía: brotes verdes. Os primeiros brotes en forma de máis emprego saíunos caro sen contar os gastos de cartelería. Se a economía ademais é española -postos a personalizar unha forza abstracta, pouco importa poñerlle ademais apelido- a expresión ‘brotes verdes’ ten, por engadidura, un contido milagreiro, providencial; algo nos caerá. Somos homes e mulleres de fe e cremos moito no concelleiro de urbanismo, a ver se nos recalifica uns terreos, e de todos os Evanxelios a parte que mellor nos sona é esa que invita a non preocuparse en fiar -xa non se fía nin nos fiadeiros- que os lirios do campo non o fan e nin o mesmo Salomón vistiu con tanta magnificencia. Traxes para todos.


Os brotes verdes teñen a cor da esperanza. E o da inevitabilidade. Sairemos adiante, claro, para a continuación da vida, a carballeira é moito máis importante que o tigre e é nos vexetais onde se cumpre o prodixio da resurrección. Así que brotes verdes, da cor dos dólares. A crise é o medo repentino, o brote psicótico do diñeiro que se nega a saír da casa tras unha temporada de correr sen bragas de festival en festival. Agora é coma un gato tolo que desenterra e contempla os seus excrementos. Choveu moito para que se animen as noivas e se enchan os pantanos; o ceo protector. A crise haberá pasado cando os bancos se volvan a presentaren nos seus anuncios como avós vixilantes de doncelas co ventre coma unha mazá vermella e madura. Chegou a crise no segundo centenario de Charles Darwin non como unha casualidade, senón como un signo: a loita pola vida, a supervivencia do máis apto e todo iso. Guerra, claro, pero tamén o po do metalúrxico xermolando na entraña da rica herdeira para que ata os mortos, queden cubertos de flores.


Te puede interesar