Opinión

O CORONEL E O XENERALÍSIMO

Non sei se a intervención de Nacións Unidas en Libia chega a tempo, pero, coido, que está ben que chegara. Hai xente para quen basta que unha iniciativa emane dos Estados Unidos para considerala (como facían os curas cando era novo coas mozas, sometidas a sospeita de xeito xenérico), intrinsicamente perversa. E é boa e oportuna aínda que sexa interesada. En política o romanticismo é desastroso e os dilemas habituais consisten en elixir entre algo malo e outra cousa aínda peor. Se ao imperio interésalle o petróleo e o dominio e nada máis que iso e grazas a ese interese é posible -a un prezo razonable- frear ao extravagante tirano de Trípoli e a toda a súa cleptómana parentela, pois perfecto. Se o prezo, tórnase demasiado alto, procurarei ter o valor de sinalalo.


O lapsus de Gadafi comparándose con Franco é dos que provocan dixomedíxomes e risadas a todo un congreso de psicoanalistas. En efecto, parécense enormemente, que non lles confunda o peiteado. Gadafi di que quen non lle ama é que detesta Libia (o mesmo e pouco elaborado delirio en todas as tiranías) e demostran pola vía dos feitos que está disposto a ensancha-la carnicería canto faga falta para facerlle sitio ao seu cú acomodado á eternidade no mundo. Cando aos nove días de comezada a nosa guerra civil, Franco lle di ao xornalista americano Jay Allen: 'salvarei a España do marxismo a calquera prezo', o entrevistador ?un excelente profesional que non practica a neutralidade, senón a honorabilidade e a competencia- lle pregunta se iso significa ter que fusilar a media España e, o felón resposta un pouco á galega: 'dixen a calquera prezo'. Así que Gadafi, remexendo no santoral faccioso, ao que pertence por méritos propios, atopou a súa alma xemelga. Paréceselle en moitos máis aspectos: xugou co socialismo, co africanismo e co islamismo sen ser, de verdade, ningunha desas cousas, usadas como meras cartas para dar sempre coa combinación gañadora.. O Xeneralísimo ferrolán, reencarnado.

Te puede interesar