Opinión

Esoutros aiatolás

España é un país laico, porque unicamente os futbolistas desfilan baixo palio. Contemplamos a Obama disputando a legalidade das eleccións iraníes, cando o seu predecesor foi presidente oito anos por xentileza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos. Mofámonos da teocracia de Teherán, con permiso do aiatolá Florentino Pérez, o guía supremo que exerce un poder incontestábel en Al-Andalus. Nin sequera a Axencia Tributaria prevalecerá ante el.


Resulta máis doado atopar unha crítica de Ahmadineyad a Khamenei ca unha censura dun dirixente político español á aberrante doutrina de fichaxes. O imán Kaká presentouse en directo no telediario da Primeira, que se paraliza para escoitar o seu discurso bwitter de 160 caracteres, nun idioma indefinido. ‘Mucho contenta’, ¡qué densidade dialéctica! Por se necesita unha última verificación de que en España impera un integrismo relixioso, Cristiano Ronaldo vendeu máis camisetas có Che. Os benaventurados progresistas combaten con coraxe a exhibición de símbolos das relixións antigas, para protexeren aos cidadáns do pernicioso fanatismo.


¿Qué pasaría se se prohibira aos nenos que vestiran camisetas coas cores dos clubs de fútbol?, porque os deportistas de elite son heroes menos recomendábeis que Michael Jackson. Apelaríase de inmediato á liberdade inviolábel dos tenros usuarios da parafernalia balompédica. En efecto, son os mesmos argumentos que esgrimen os integristas para xustificar o chador.


Se vas pola rúa sen un emblema deportivo visíbel, sementas sospeitas ao teu paso. ¿Non serás un deses politeístas que na súa declaración néganse a marcar a cruz na cuadrícula e na caixiña de aforros, un xesto imprescindíbel para que o teu diñeiro se dilapide en sufragar os caprichos dun club de fútbol? A teocracia transcorre sen disidencia porque, astutamente, a intelectualidade insiste en que non está soxulgada polos aiatolás, senón que cre de boa fe neles. Disfrazaron o medo de liberdade, outra constante fundamentalista.



Te puede interesar