Opinión

O espertar do sono europeo

Durante a década dos 60 e dos 70, a posíbel pertenza a Europa foi un sono para a meirande parte dos españois, frustrábannos aquelas declaracións afirmando que África comezaba nos Pirineos e soñabamos que a nosa vida sería mellor se Europa nos aceptase dentro dela. Viamos aquilo tan preto xeograficamente como algo imposíbel politicamente, pero o anhelabamos. Os nosos emigrantes e os poucos turistas que podían saír fóra contábannos cómo era aquela Europa e alentaban aínda máis os nosos sonos. Por fin, coa chegada da democracia e superando a frustración de que outros países se nos adiantaran no ingreso, acadamos o noso sono e entramos en Europa. Durante algún tempo fomos a sorpresa para o resto dos países por a nosa ilusión europeísta. España medrou en gran parte debido a esa entrada na CEE e recibiu unha gran cantidade de axudas para o desenvolvemento. O sono cumprírase e os españois comezamos a sentir como se houberamos chegado a unha maioría de idade democrática, de modernidade, de desenvolvemento económico. Entón comezaron a chegar as voces dos agoireiros, dicíannos que se estaba a construír a Europa dos mercadores e non a Europa dos cidadáns, pero aquilo parecíanos a voz dos resentidos, dos amargados, dos negativos que sempre hai por todos os sitios, seguimos soñando con Europa. Tiñamos a sensación de que calquera cousa que viñera de fóra ía ser mellor có noso; a verdade é que se foi perdendo a ilusión na participación política europea, votabamos un parlamento que parecíanos lonxano, que non sabiamos ben o que facía, onde se enviaba a políticos non demasiado coñecidos ou problemáticos, dando a impresión de retiro dourado polos servizos prestados. Pero se o sono íase facendo cada ano máis lixeiro, de pronto parece que Europa tiña posto o espertador a unha hora concreta e, esa hora chegounos de súpeto, cando nos dimos conta de que Europa lexisla dun xeito no que é a nosa lexislación estatal a que nos protexe das súas leis. O sono invértese e o que ven de fóra resulta peor que o que temos dentro. ¿Qué emigrante español puidera pensar que se lle podería ter dezaoito meses nun centro de internamento, con posterior expulsión forzosa e prohibición de volver a Europa en cinco anos, por non ter os papeis a xeito como establece a actual directiva da vergonza? ¿Qué traballador español, podería pensar que ía a traballar a Berlín e cobrar segundo un convenio colectivo de Ourense? ¿Qué traballador español puidera pensar que chegaría a traballar en Europa 65 horas á semana? (Incluso 78, nalgunhas semanas, xa que o cómputo é trimestral). Aquí o sono convértese nun auténtico pesadelo. Pesadelo que se vai completando con palabras como deslocalización industrial.


Nos tempos do sono sentiámonos ata orgullosos de que empresas estranxeiras se instalasen en España, sabiamos que era polos baixos salarios, pero xamais pensamos que houbese outros máis que compensasen (unidos ás axudas dos países pola instalación e, ás veces, polo negocio inmobiliario da venda dos terreos, algunhas veces conseguidos gratuitamente) que as empresas se fosen a outros países deixando aos nosos traballadores no paro. Se a iso sumámoslle que as leis europeas van no mesmo sentido cas directrices da Organización Mundial do Comercio aumentando a privatización de servizos públicos (básicos principalmente para os salarios máis baixos) atopámonos con que o sono rematou e xa ten difícil retorno. Nos tempos que veñen nos dirán que todo é simplemente o produto da crise económica, pero antes da crise, aqueles que criticaban a construción da Europa dos mercadores xa nos avisaban de todos os perigos. Non lles quixemos facer caso e hoxe teremos que loitar para podernos defender dos recortes sociais que se nos botan encima, debemos transformar a Europa dos mercadores na Europa dos cidadáns. Se non acadamos o cambio de orientación, defendendo un modelo máis solidario, menos mercantilista, menos militarista, máis respectuoso co medio ambiente, etc., entón non só haberá rematado o sono senón que dificilmente espertaremos do pesadelo que deixamos crear en torno ao concepto Europa.



Te puede interesar