Opinión

Nin uns nin outros

As mensaxes que os cidadáns reciben do que acontece na actividade política non son precisamente positivos nos tempos marcados destes días. Así, atopámonos cun goberno que amosa unha manifesta falta de ideas e de recursos para saír da crise económica e unha oposición na que o seu líder amosa unha torpeza, palmaria e patente, para dar solución ao grave problema creado no seu partido pola entrada en escena de personaxes tan variopintos como Correa ou ‘O Bigotes’, actores principais do reparto na chamada trama Gürtel.


Un despropósito que Rajoy non soubo cortar de raíz nin reconducir con solvencia. Con este panorama, o cidadán da pé alármase e se preocupa. E ten razóns poderosas para facelo. Os dous grandes partidos non acaban de atopar, por moi diversas causas e circunstancias, esa liña de actuación que conduza ao que realmente lle interesa á xente, a solución aos seus problemas e aos asuntos e cuestións que máis lle afectan no acontecer do cotián. Nestes momentos, o emprego para quen non o ten e a conservación deste para aqueles que aínda o manteñen.


A política que se escribe con letra maiúscula vese mellor cá que se escribe con minúscula, aínda que os cidadáns saben distinguir, nitidamente, cando os trazos se fan máis grosos do normal co propósito de ocultar unha realidade confusa e cando a caligrafía se fai para contribuír ao benestar e ao progreso de todos e para todos. Á hora da verdade, os aspectos que máis afectan pódense resumir ou sintetizar en moi poucas palabras. Todo isto o reflexan as enquisas dun xeito fiel e case exacto: un PSOE que perde puntos e baixa na estimación de voto e un PP que non despega e que, polo tanto, non aproveita o desgaste do goberno pola intricada conxuntura da economía. Non hai confianza en Rodríguez Zapatero para saír da situación actual e tampouco en Rajoy Brey, fiel reflexo dunha maneira de facer política, que esboza as consecuencias dunha ostensíbel falta de liderazgo.


A actualidade, en calquera das súas páxinas, ven chea. Os espazos en branco hai que buscalos cunhas gafas especiais porque non hai forma de atopalos. Gürtel, o branqueo de diñeiro, etc.. Espectáculos sen metáforas, sen epítetos e, se o desexan, sen personaxes de ficción. Isto é o peor que podería acontecer: que os personaxes da trama Gürtel, por exemplo, nada teñan que ver coa ficción. Algo moi grave. Porque sen ficción a literatura é case imposíbel. Ou imposíbel de todo.

Te puede interesar