Opinión

Por pedir...

Piden os empresarios que se abarate o despido e se lle dea flexibilidade aos expedientes de regulación de emprego (ERE). Os traballadores tamén piden estar conforme á lei e que todo o seu traballo se reflexe na nómina; que non haxa ningunha xornada de traballo que contraveña o dereito laboral; que os empresarios declaren ata o último céntimo dos seus beneficios; que a todo aquel que pon en risco a súa saúde e a integridade física dos seus empregados se lle sancione.


Que os bancos, os primeiros empresarios do Estado, limiten os seus beneficios; que se remate coa especulación; que toda axuda pública estea vinculada e garantida no seu emprego terminal; que non existan soldos maiores aos 500.000 euros anuais; que todos os produtos de consumo teñan unha marxe de beneficio que non supere o trinta por cento; que a autoridade fiscal actúe cos medios precisos sobre toda a riqueza, o mesmo rigor que se segue cos traballadores por conta allea débese ter co mundo empresarial; que os autónomos, eses que crean maior emprego e riqueza, teñan dignificadas a súas actuacións e non estean en franca desvantaxe cos chamados empresarios, donos de empresas; que o IPC non sexa só base para a negociación de salarios senón tamén para a suba dos produtos.


Tampouco os traballadores piden moito, simplemente trato de igualdade e xustiza. Deixémonos xa de discursos rancios e de hipocrisías baratas, cando a cousa ía ben, e houbo unha etapa longa, ademais de racanear os salarios e as condicións laborais, non alborotaban, supoño que porque non interesaba que se soubera o alcance dos beneficios.


É unha mágoa como uns poucos enturban o labor doutros empresarios que si actúan con corrección, e como lle damos unha importancia que quizais non teñen, a fin de contas case o setenta por cento do emprego, iso si que é riqueza, o dan os pequenos empresarios e os autónomos, logo ¿a quen representa a CEOE?



Te puede interesar